A Consellería de Cultura e Educación destina máis de 111.000 euros á convocatoria de 20 bolsas de formación en arquivos

A Xunta publica hoxe no DOG as bases reguladoras da convocatoria, que ten como obxectivo reforzar a formación dos futuros profesionais da arquivística

Esta iniciativa tamén supón un impulso á conservación, coidado e difusión do patrimonio documental galego

Os beneficiarios formaranse nos arquivos e servizos centrais da Consellería

Mar, 22/05/2012 - 14:49

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destina máis de 111.762 euros á convocatoria de 20 bolsas de formación en arquivos, no marco do compromiso deste departamento coa conservación, coidado, promoción e difusión do patrimonio documental. A finalidade destas bolsas é, nesta liña, proporcionar formación teórico-práctica que contribúa a completar o curriculum vitae académico e a experiencia dos futuros profesionais da arquivística.

Os seleccionados realizarán actividades de formación relacionadas coa organización e descrición ou con outros procesos que integran o tratamento técnico dos fondos documentais custodiados nos arquivos municipais de Galicia e outros arquivos de interese galego. Os bolseiros realizarán a súa actividade nos arquivos a que sexan destinados e nos servizos centrais da Consellería e serán tutelados, coordinados e dirixidos polos seus servizos técnicos de arquivos. As bolsas terán unha duración de 6 meses prorrogables

Requirimentos

Para poder ser beneficiarios desta oportunidade formativa, os aspirantes deberán acreditar o seu dominio da lingua galega e dispor dunha licenciatura universitaria ou equivalente cun expediente académico no que predomine a formación en historia ou arquivística. Neste sentido, o expediente puntuarase en función do número de materias estudadas relacionadas especificamente con Arquivística, Diplomática, Paleografía, Historia das Institucións e da puntuación obtida en cada unha delas. Tamén se computará positivamente que os candidatos conten coa especialidade  universitaria en Arquivística ou Patrimonio Documental, ou cun mestrado ou cursos de doutoramento en Arquivística.

Ademais, valorarase que os aspirantes teñan realizado cursos de Arquivística, Diplomática, Paleografía e Historia das Institucións e Informática aplicada aos arquivos organizados por organismos públicos, universidades, asociacións profesionais de arquiveiros ou outros organismos.

Tamén se puntuará a asistencia a congresos, xornadas ou seminarios de Arquivística, Diplomática, Paleografía ou Historia das Institucións; e a experiencia, sempre que conten con acreditación expresa, na realización de tarefas técnicas en arquivos.

Data de solicitude

A convocatoria pode consultarse no Diario Oficial de Galicia do 22 de maio de 2012 (http://www.xunta.es/dog/Publicados/2012/20120522/AnuncioG0164-110512-0002_gl.html) e o prazo de solicitude estará aberto ata o 21 de xuño.

Menús News node R

Tema