Xesús Vázquez Abad asina un convenio entre a Fundación Cidade da Cultura e a Fundación Rogelio Groba para a conservación e difusión do seu fondo bibliográfico musical

A Fundación Cidade da Cultura destinará un total 15.000 euros para a dixitalización das obras musicais do mestre Rogelio Groba

Os arquivos dixitais pasarán aos fondos da Biblioteca de Galicia, que se encargará da súa conservación e difusión ao tempo que facilitará o seu estudo e consulta

O conselleiro de Cultura e Educación destacou a importancia dos fondos da Fundación Rogelio Groba, un conxunto de obras de creación musical único e singular do patrimonio cultural galego

Mar, 22/05/2012 - 14:47

A Fundación Cidade da Cultura de Galicia vén de asinar un convenio de colaboración coa Fundación Rogelio Groba para a conservación e difusión do fondo bibliográfico musical deste gran músico e compositor galego. O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asinou esta mañá con Rogelio Groba o convenio polo que se destinarán un total de 15.000 euros para a dixitalización das súas obras e a súa incorporación aos fondos da Biblioteca de Galicia para facilitar a súa difusión, estudo e consulta.

Vázquez Abad destacou, na sinatura deste convenio, a importancia para a cultura galega dos fondos musicais da Fundación Rogelio Groba, que definiu como “un conxunto de obras de creación musical único e singular do patrimonio cultural galego”, e destacou o papel que está a xogar dita institución na conservación e difusión da obra do mestre Rogelio Groba Groba. Do mesmo xeito, o titular de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria enmarcou este convenio na importancia de “coordinar esforzos coas entidades do sector público para a súa defensa e difusión, acometendo á súa dixitalización conforme á dispoñibilidade económica e á necesidade de conservación e demanda pública das obras”.

Dixitalización antes de final de ano

Coa sinatura deste convenio, queda plasmada a vontade da  Fundación Cidade da Cultura de Galicia e da Fundación Rogelio Groba de promover accións dirixidas a recuperar, conservar, facilitar o acceso e o estudo, e difundir entre a sociedade o patrimonio bibliográfico musical desta institución, a través da conversión a formato dixital de rexistros bibliográficos tan importantes como a Sinfonía nº 5 ‘Máxica’; Metaphoras; Concerto para viola e corda ‘Epicúreo’; Concerto para violín e orquestra ‘Res, non verba’; o poema sinfónico A lenda de Floralba e o peregrino; Nova Galicia; Cantigas do Miño; e un total de dez obras banda.

A Fundación Rogelio Groba achegaralle á Fundación Cidade da Cultura de Galicia esta lista de pezas antes de finais de ano para a súa dixitalización co obxectivo de favorecer a conservación, o estudio e a difusión deste patrimonio cultural. Pola súa banda, a Fundación Cidade da Cultura realizará a transformación dixital dos arquivos recibidos, as dixitalizacións complementarias que considere de interese e a creación dos metadatos dos rexistros de todas as obras musicais que conformen o catálogo das obras de Rogelio Groba Groba, para a súa integración e difusión a través da Biblioteca Dixital do Centro Superior Bibliográfico de Galicia dentro do proxecto de Biblioteca de Galicia.

Rogelio Groba

O mestre Rogelio Groba (Guláns-Pontevedra, 1930) entrou en contacto coa música dende moi neno a través da banda A Unión de Guláns, da que se fixo director con tan só 17 anos. Tras estudar no Real Conservatorio de Música de Madrid exerceu como director de banda de diversas localidades galegas e españolas antes de trasladarse a Suíza, onde dirixiu con éxito numerosas agrupacións musicais e a Editorial Musical Rauber. En 1967, de volta a Galicia, foi nomeado director da Banda-Orquestra Municipal da Coruña, cargo que exerceu durante 23 anos. Ao mesmo tempo fundou a orquestra do Conservatorio Superior de Música da Coruña e a Orquestra de Cámara Municipal. Foi profesor de Contrapunto e Fuga, de Harmonía e de  Composición en dito Conservatorio, que tamén dirixiu durante 20 anos, ao tempo que fundou varios conservatorios dentro da xeografía galega.

Autor de ensaios e libros como ‘252 alalás’, dende 1990 dedicouse en exclusiva á creatividade musical, campo no que foi recoñecido como O premio da Crítica Galega (1979), O Premio da Xunta de Galicia da Cultura (1992) ou a Medalla Castelao (1995). Ademais de ser Fillo Predilecto da súa vila natal, Rogelio Groba é membro do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses, da Real Academia Galega de Belas Artes e da Real Academia de San Fernando, de Madrid.