Cultura e Educación considera que o escaso seguimento da folga nos centros educativos demostra que a comunidade educativa valora o esforzo da Xunta a prol do ensino

Só un 3,36% dos docentes secundou hoxe a convocatoria de folga

Mar, 22/05/2012 - 12:41

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través do director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, valorou hoxe o escaso seguimento da folga nos centros educativos galegos como unha demostracións de que a comunidade educativa está a valorar o esforzo da Xunta de Galicia a prol do ensino. Neste sentido, o director xeral explicou que só un 3,36% dos docentes de educación infantil, primaria e secundaria secundou hoxe a folga, o que pon de manifesto que nos centros de ensino xa se está a comprender que a boa xestión realizada no que vai de lexislatura permite a Galicia afrontar o escenario de axustes con moita maior flexibilidade.

Grazas a este bo facer e á aposta da Xunta de Galicia polo ensino, Galicia non se verá obrigada a tomar medidas como o aumento de ratios, como si tiveron que facer comunidades como Castela A Mancha, Cataluña, ou Navarra, entre outras.

O director xeral lembrou que a Consellería non incrementará a ratio de alumnos por clase - polo que Galicia seguirá a ser unha das comunidades coa ratio máis baixa-, e os institutos poderán seguir ofertando polo menos dúas modalidades de Bacharelato. Así mesmo, non está previsto impoñer taxa algunha ás ensinanzas de FP, que esta Consellería tanto ten impulsado precisamente como un sistema de oportunidades perante á crise económica.

Cómpre salientar que estas decisións da Consellería foron comunicadas tanto aos sindicatos do ensino na mesa sectorial como ás asociacións de nais e pais e demais membros da comunidade educativa, polo que a folga só pode ser froito dun intento de manipulación da realidade e de contaminación da sociedade por parte de algúns sectores políticos.

Datos por provincias

O seguimento da folga en Galicia foi dun 3,36%, un 3,30 en infantil e primaria e un 3,41% en secundaria. Por provincias secundouna un 3,37% na Coruña, un 3,55% en Lugo, un 3,55% en Ourense e un 2,95% en Pontevedra.