Björk confirma nun vídeo que actuará na Cidade da Cultura o vindeiro 22 de xuño

A Consellería de Cultura e Educación trae a praza exterior do Gaiás o único concerto da artista islandesa na Península Ibérica, que volverá aos escenarios tras suspender as actuacións previstas en Barcelona e Porto por un problema de saúde nas cordas vogais

A artista reiniciará a xira o 15 de xuño tal e como confirma a través dun novo videoclip no que ofrece as datas dos próximos concertos, entre eles o de Santiago

As entradas para este espectáculo poden mercarse en Servinova, Novagaliciabanco, FNAC, Ticketmaster, Halcón Viajes e Carrefour a un prezo de 40 euros máis gastos de xestión

Lun, 21/05/2012 - 18:50
Björk confirma nun vídeo que actuará na Cidade da Cultura o vindeiro 22 de xuño
Björk confirma nun vídeo que actuará na Cidade da Cultura o vindeiro 22 de xuño

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, trae o vindeiro 22 de xuño á Cidade da Cultura a Björk, no que será o único concerto da artista islandesa na Península Ibérica. Despois de confirmar a través dun comunicado a súa volta aos escenarios a partir de mediados de xuño, Björk acaba de difundir un novo videoclip co tema Crystallyne no que anuncia as datas dos seus vindeiros recitais, entre eles, o do 22 de xuño na praza exterior do Gaiás.  

Este novo anuncio prodúcese despois de que a finais de abril, Björk se vira obrigada a suspender varios concertos da xira de presentación do seu novo disco, Biophilia, por problemas médicos, entre eles os outros dous que tiña previsto dar na Península Ibérica: a actuación no San Miguel Primavera Sound (Barcelona) e no Optimus Primavera Sound (Porto). O motivo é a inflamación dun nódulo nas cordas vogais que xa levaron a cantante a interromper a exitosa xira por Latinoamérica e que lle obrigará a estar en reposo outras catro semanas para evitar que se prexudique de forma permanente a súa voz. Este pequeno parón non afectou en ningún momento ao concerto no Gaiás, tal e como confirmou a propia cantante a través dun comunicado no que aseguraba que, tras este descanso, podería continuar coa súa xira. Unha noticia que vén de reconfirmar a través deste orixinal vídeo de animación con Crystallyne como música de fondo:

http://www.youtube.com/watch?feature=player_embedded&v=VwHKuagk-Q0

Tras desculparse cos seus seguidores por ter que cancelar varias das datas previstas, Björk prometeu descansar e volver con ánimos renovados e unha voz en perfecto estado. Deste xeito, o concerto na Cidade da Cultura preséntase como a última oportunidade para poder ver este ano á cantante islandesa no noso país. Na praza exterior, Björk creará toda unha experiencia sensorial na que despregará os sons vangardistas do seu oitavo disco, no que desenvolve unha temática global na que fusiona distintos campos como a ciencia, a ecoloxía e as novas tecnoloxías con instrumentos feitos a medida.

As entradas están á venda en Servinova, Novagaliciabanco, FNAC, Ticketmaster, Halcón Viajes e Carrefour a un prezo de 40 euros máis gastos de xestión. A organización recorda que todas as entradas son sen numerar e que o concerto terá lugar ao aire libre sen cadeira/butaca.

Menús News node R

Tema