A Consellería de Cultura e Educación destina 80.000 euros para a convocatoria de seis bolsas de formación en materia de patrimonio moble

Os bolseiros documentarán e catalogarán as coleccións de diferentes museos xestionados pola Consellería e serán tutelados por representantes dos servizos técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural

Lun, 21/05/2012 - 13:31

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destinará 80.000 euros para a convocatoria de seis bolsas de formación en patrimonio moble, co obxectivo mellorar e o sistema documental dos museos e coleccións visitables da Consellería. Deste xeito, o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad aposta pola conservación e a difusión dos bens culturais albergados nestes centros, a través dunha convocatoria publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (http://www.xunta.es/dog/Publicados/2012/20120521/AnuncioG0164-110512-000...).

Os bolseiros, que poderán solicitar estas bolsas ata o 22 de xuño, realizarán a súa actividade en diversos museos propios e xestionados pola Consellería, e serán tutelados, dirixidos e coordinados polos servizos técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. As tarefas que van desenvolver as persoas seleccionadas son fundamentalmente tres: documentación, difusión e catalogación. A convocatoria está dirixida a persoas licenciadas en Historia, Historia da Arte e Arqueoloxía.

A Consellería de Cultura e Educación considera que esta será unha oportunidade única para que os beneficiarios destas axudas adquiran unha formación completa e obteñan as técnicas e aptitudes necesarias que faciliten a súa inserción no mundo laboral. A finalidade das bolsas é proporcionar unha formación teórico-práctica que, engadida á aprendizaxe académica, contribúa a completar o currículo dos beneficiarios.

En total concederanse seis bolsas de formación, que se adxudicarán en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de obxectividade e publicidade. As bolsas teñen unha duración de doce meses contados a partir da data de incorporación que estableza a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.