O Salón Teatro da Consellería de Cultura e Educación acolle 10 funcións da XIII Mostra de Teatro Universitario de Galicia

Organizada pola Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela, amosa os últimos traballos escénicos das diferentes compañías universitarias galegas

As representacións que se ofrecen neste espazo compostelán desde hoxe e ata o mércores día 30 son de entrada gratuíta, previo paso polo despacho de billetes

Lun, 21/05/2012 - 13:29
O Salón Teatro da Consellería de Cultura e Educación acolle 10 funcións da XIII
O Salón Teatro da Consellería de Cultura e Educación acolle 10 funcións da XIII Mostra de Teatro Universitario de Galicia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora na celebración da décimo terceira edición da Mostra de Teatro Universitario de Galicia a través da cesión do Salón Teatro de Santiago para acoller as 10 representacións que se desenvolverán desde hoxe e ata o mércores 30 de maio como parte desta programación, organizada pola Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

O espazo que xestiona o Centro Dramático Galego (CDG) repite como sede principal desta mostra e, xunto co Teatro Principal e a Sala de Teatro Roberto Vidal Bolaño do Campus Sur, ofrece un amplo programa configurado polos traballos escénicos que as diversas compañías da USC, ademais das convidadas das universidades de Vigo e da Coruña, estiveron preparando durante este curso académico.

Carteleira

No Salón Teatro, a compañía Tolemia Teatro é hoxe a encargada de abrir a carteleira co espectáculo Teatro: Obras completas, de autoría colectiva. Mañá martes 22, Os Sigillatos Galaicos representarán a montaxe Aliza G, de Jorge Moreno, á que lle seguirá o mércores 23 a peza de creación colectiva Falúa’s Flying Circus, a cargo de Teatro da Falúa.

Pinchacarneiro Teatro escenificará o xoves 24 Baixarse ó moro, unha adaptación de Bajarse al moro de J. L. Alonso de Santos, mentres que Artías Teatro chegará ao Salón Teatro o venres 25 con (Comisaría) para Mulleres, de Albert Miralles. A Aula de Teatro da Universidade da Coruña será a protagonista o sábado 26 coa posta en escena de Nosa Señora das Nubes, de Arístides Vargas, e Arte Maior debutará o domingo 27 con Aforro Ordinario, de Inma Antonio.

Pim, pam, clown, de Tomás Afán, é o título da obra que NNC presentará ao público o luns 28 e, ao día seguinte, Enlata Teatro subirá ao escenario con Turandot, de Bertolt Brecht. Finalmente, o grupo Mequetefres ofrecerá o mércores 30 a súa interpretación de Folie à Trois: Paranoia Compartida, de autoría colectiva.

Todos os espectáculos programados dentro da Mostra de Teatro Universitario de Galicia dan comezo ás 21.00 horas. As entradas para asistir ás súas representacións no Salón Teatro son de balde, previo paso polo despacho de billetes, que permanecerá aberto desde as 19.30 horas. Poderán retirarse ata dúas localidades por persoa.

Menús News node R

Tema