A Consellería de Cultura e Educación continúa a dar pasos para a construción do novo CEIP de Betanzos
A vindeira semana asinarase a adxudicación do procedemento negociado para a redacción do proxecto
Para o curso 2012-2013 xa está asegurada a escolarización de todos os estudantes de infantil dentro do concello de Betanzos
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria informa de que a vindeira semana asinarase a adxudicación do procedemento negociado para a redacción do proxecto de execución do novo CEIP de Betanzos.
Ao procedemento publicado na plataforma de contratación presentáronse 28 estudos e gabinetes de arquitectura con propostas de gran calidade que foron examinadas pola oficina de supervisión de proxectos da Consellería.
O incorrer seis das propostas presentadas en baixa temeraria outorgóuselle ás empresa un prazo adicional para xustificar o prezo ofertado. Nesta semana o secretario xeral técnico asinou a proposta de adxudicación que nestes momentos se atopa pendente de fiscalización na intervención da Consellería, polo que a vindeira semana asinarase a correspondente resolución.
Cómpre lembrar que a nova escola infantil supón a creación de quince unidades de infantil coa previsión, no propio proxecto, dunha ampliación nunha segunda fase ata acadar as 18 aulas.
Reunións co concello de Betanzos
A Consellería recorda que xa se mantiveron reunións entre representantes da xefatura territorial na Coruña co concello de Betanzos que garanten a escolarización de todos os estudantes dentro do concello de Betanzos o vindeiro curso.
Deste xeito a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a pesares da grave crise económica polo que estamos a atravesar continúa a dar resposta ás demandas da comunidade educativa do concello coruñés.