Cultura e Educación aumenta ata preto de 90.000 euros as axudas por causas sobrevidas ou imprevistas para estudantes universitarios

A convocatoria vai destinada a os alumnos e alumnas que estean a vivir situacións que repercutan de forma grave na situación familiar

Mér, 16/05/2012 - 10:28

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria aumentou ata 88.000 euros as axudas destinadas a universitarios que por algún tipo de causa sobrevidas teñan dificultades económicas para continuar cos seus estudos. Unha contía que se porá a disposición de todos aqueles que se vexan afectados no presente ano por situacións que repercutan de forma grave na situación familiar, como son a violencia de xénero, falecemento dun proxenitor, desemprego, ou enfermidade grave, entre outros casos.

Con esta convocatoria de bolsas de axudas para alumnos e alumnas universitarios en situacións moi complexas, debidas a causas sobrevidas e imprevistas, a Consellería continúa a demostrar o seu interese pola formación dos estudantes, sen que esta se vexa interrompida en ningún momento.

Condicións das axudas

Para poder acceder a estas axudas, os estudantes deben estar matriculados nun mínimo de 50 créditos en estudos universitarios presenciais conducentes ao título de grao, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico e arquitecto técnico en calquera das universidade do SUG (Sistema Universitario de Galicia).

Os bolseiros poderán percibir axudas de entre 1.250 euros e 2.500, mentres continúen a realizar os estudos nos que está matriculado.

Neste sentido, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continúa a política de axudas de carácter especial, destinadas a facer fronte a causas sobrevidas que polas súas circunstancias requiren dunha atención perentoria na obtención de recursos económicos que permitan a continuidade dos estudos universitarios dos alumnos afectados

As bases para a solicitude poderán obterse na sede electrónica da Xunta, https://sede.xunta.es, ata o 1 de setembro do presente ano, ou no enlace http://www.xunta.es/dog/Publicados/2012/20120516/AnuncioG0164-080512-0006_gl.html. As dúbidas e consultas poderán facerse a través do enderezo electrónico orientacion.sug@edu.xunta.es 

Deste xeito, e a pesares da grave crise económica, a Consellería volve a mostrar o seu interese por dar o mellor servizo educativo en Galicia. Estas bolsas, son un modo de axudar por todos os medios dos que dispón Educación a que os universitarios completen os estudos conducentes a un mellor futuro persoal, familiar e profesional.