A Consellería de Cultura e Educación presenta no CGAC un ciclo que vincula a música e arte contemporáneas

O Centro Galego de Arte Contemporánea acollerá unha nova edición da iniciativa ‘Música e arte. Correspondencias sonoras’, cinco concertos que relacionarán a música coas exposicións do museo

Este ciclo comezará o vindeiro venres 18 de maio, Día Internacional dos Museos, co concerto ‘A inspiración da luz’, a cargo da formación Vertixe Sonora Ensemble

O CGAC tamén a collerá o vindeiro 27 de maio o proxecto ‘Sen moverte do sofá’, un taller de arquitectura para nenos de entre 7 e 11 anos

Mar, 15/05/2012 - 17:17
A Consellería de Cultura e Educación presenta no CGAC un ciclo que vincula a mús
A Consellería de Cultura e Educación presenta no CGAC un ciclo que vincula a música e arte contemporáneas

O Centro Galego de Arte Contemporánea, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, presentou hoxe unha nova edición do ciclo de concertos Música e arte. Correspondencias sonoras. Este ciclo, que trata de vincular a música contemporánea con cada unha das exposicións programadas no museo, foi presentado hoxe polo director do CGAC, Miguel von Hafe Pérez e polo responsable do ciclo, Pablo Coello.  

Música e arte. Correspondencias sonoras  tratará de relacionar a música e a arte e introducir as composicións de creadores de diferentes nacionalidades e culturas, onde terán cabida todas as expresións creativas actuais. O obxectivo é coñecer de primeira man as estéticas máis avanzadas, os compositores máis relevantes e as perspectivas de desenvolvemento máis interesantes da nova música. Estas obras serán interpretadas pola formación Vertixe Sonora Ensemble.

O ciclo iníciase o Día Internacional dos Museos, o vindeiro 18 de maio ás 22,45 horas, co concerto A inspiración da luz, que servirá de preámbulo aos outros catro concertos, os que contarán con trece estreas absolutas e diversas actividades paralelas. Entre estas estreas, destacan as obras de compositores como Dimitri Kourliandski, Nadir Vassena, Ramón Souto, Teresa Carrasco, Marco Marinoni, Oriol Saladrigues, Silvia Cohen, Alexander Khubeev, Esais Järnegard, ou Matthias Kranebitter.

O resto das citas deste ciclo espallaranse entre o verán e o outono, terán lugar no auditorio do CGAC ás 20, 30 horas e a entrada é de balde e limitada á capacidade da sala. Deste xeito, o 5 de xuño presentarase A colección, realizada entorno aos fondos mostra de Helga de Alvear. O 25 de setembro interpretarase En catro movementos: tempo infinito repetición presenza, entorno a obra de Esther Ferrer. Finalmente, haberá unha ollada dupla sobre a mostra de Fernando Casás con dous concertos: De paisaxes, paseos e arqueoloxías sonoras… , o 6 de novembro; e Efémero, o 27 de novembro. 

‘Sen moverte do sofá’

Doutra banda, o CGAC acollerá o vindeiro 27 de maio o proxecto Sen moverte do sofá, unha serie de talleres de arquitectura para nenos de entre 7 e 11 anos onde se mostrarán as características de diferentes cidades españolas a través das características particulares de cada urbe. A través de conexións virtuais, os aprendices de arquitectura, investigarán e intercambiarán información sobre os parecidos e as diferenzas entre as cidades; a súa historia, estrutura, modelos de crecemento e singularidades, que axudan a entender, de xeito global, os lugares que habitamos.

O rapaces crearán unha maqueta da cidade de destino (Palma de Mallorca, Madrid, Valencia, A Coruña), para despois construír a escala grande algún dos seus edificios máis emblemáticos. As construcións faranse a partir do Sistema Lupo (do arquitecto Fermín Blanco): unha serie de pezas modulares que permiten múliples posibilidades de combinacións, formas, proporcións, xogos de equilibrio e estratexias de acción.

Os talleres terán lugar o domingo 27 de maio en Santiago de Compostela, o sábado 9 de xuño en Palma de Mallorca e o sábado 23 de xuño en Madrid. As actividades son de balde e o prazo de inscrición comeza o vindeiro 21 de maio.

Menús News node R

Tema