A consellería de Cultura e Educación salienta o prestixio do Colexio de Europa como institución universitaria de posgrao á que se lle concede o premio Grupo Compostela-Xunta de Galicia

A Secretaría Xeral de Universidades contribúe ao financiamento deste galardón, co que este ano se recoñece o labor deste centro, pioneiro na especialización en estudos europeos

O departamento educativo da Xunta preside o xurado deste galardón internacional, que recoñece o papel de personalidades e institucións no desenvolvemento dos valores humanos

A candidatura ao premio foi presentada pola Fundación Galicia Europa

Lun, 14/05/2012 - 16:26
A consellería de Cultura e Educación salienta o prestixio do Colexio de Europa c
A consellería de Cultura e Educación salienta o prestixio do Colexio de Europa como institución universitaria de posgrao á que se lle concede o premio Grupo Compostela-Xunta de Galicia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria salientou hoxe o prestixio do Colexio de Europa, institución universitaria de posgrao ao que se lle concedeu esta mañá o XVI Premio Grupo Compostela de Universidades-Xunta de Galicia, nun acto no que o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, representou á Consellería, que preside o xurado deste galardón. No acto tamén estiveron presentes o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares Long; e o presidente do Grupo Compostela e reitor da Nyenrode Business University, Maurits van Rooijen.

A Consellería, a través da Secretaría Xeral de Universidades, contribúe con 13.000 euros ao financiamento deste galardón, co que este ano se recoñece o traballo desenvolvido por esta institución desde a súa fundación en 1949, de mans de figuras tan importantes como Salvador de Madariaga, Winston Churchill, Paul-Henri Spaak e Alcide de Gasperi, no Congreso da Haya (1948). De feito, este centro foi pioneiro na especialización en estudos europeos de posgrao, cuxa calidade académica e variedade son recoñecidos a nivel mundial.

O Premio Internacional Grupo Compostela- Xunta de Galicia creouse en 1997 co obxectivo de distinguir a aquelas persoas ou institucións que teñan contribuído a fomentar a dimensión europea da educación no seu aspecto docente, investigador, cultural, social e político.

A cerimonia de entrega do galardón desenvolverase o vindeiro 21 de setembro na Universidade de Oulu (Finlandia), no marco da Asamblea Xeral do Grupo Compostela.

Espírito europeo

A Fundación Galicia Europa foi quen presentou a candidatura desta institución ao premio Grupo Compostela-Xunta de Galicia, en recoñemento tanto a esta ampla oferta educativa de calidade como ao espírito xenuinamente europeo que se respira nas súas aulas. De feito hoxe en día o Colexio de Europa conta con arredor de 400 estudantes de máis de 50 países distribuídos entre os seus campus de Bruxas (Bélxica) e Natolin (Polonia). Deste xeito, e amais da variada oferta educativa, as alumnas e alumnos gozan dunha oportunidade única para o intercambio cultural.

O Colexio de Europa conta ademais cunha división dedicada á investigación e ao desenvolvemento, que colabora coa Comisión Europea, Cruz Vermella, Universidade de Nacións Unidas, e co Centro para o Estudo do Dereito da Competencia.