O conselleiro de Cultura e Educación inaugura as II Xornadas de formación sobre a atención ao alumnado con altas capacidades
Neste encontro afondarase nas medidas específicas para o desenvolvemento das capacidades destes estudantes, de acordo co establecido no decreto polo que se regula a atención á diversidade
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe as II Xornadas de Formación sobre a Atención ao Alumnado con Altas Capacidades, que reúnen na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) a docentes de centros educativos galegos. Na inauguración estivo tamén presente o director de Educación da Fundación Barrié, Antonio Varela. Ao longo do encontro, organizado polo Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), os asistentes afondarán no diagnóstico e as medidas de enriquecemento curricular e de flexibilización no axuste da intervención co alumnado con altas capacidades.
Desta forma, a Consellería busca sensibilizar ao profesorado sobre as necesidades de atención que requiren estas alumnas e alumnos, favorecendo a actualización de información e o intercambio de experiencias entre os docentes. Estas xornadas, que puxo en marcha a actual Consellería, son ademais unha demostración da aposta que fai este departamento pola formación do profesorado, a través dun sistema que se atopa agora planificado en torno ao Centro Autonómico de Formación do Profesorado (CAFI).
O obxectivo último da xornada é unificar estratexias de diagnóstico e intervención educativa para as altas capacidades dentro dunha escola inclusiva. Cómpre lembrar, neste sentido, que o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad xa amosou o seu compromiso coa atención á diversidade do alumnado galego a través do Decreto 229/2011, que representa unha aposta da Consellería polo desenvolvemento das potencialidades de cada estudante, no marco da construción dunha escola inclusiva.
Neste acto Vázquez Abad explicou que se estima que entre un 4 e un 5% da poboación podería ter altas capacidades intelectuais. “Unha porcentaxe que indica claramente un potencial que deberíamos ser capaces de canalizar”, xa que “nos tempos que corren, non podemos permitir que se perdan talentos, que o alumnado careza de retos para construír día a día a súa aprendizaxe”.
Así salientou a necesidade de dar respostas ás preguntas na educación, “a esas preguntas tan importantes que nos fan as nosas mozas e mozos sobre o futuro, os valores ou o desempeño laboral. Para iso precisamos dun sistema educativo en permanente evolución, que faga unha reflexión continua sobre o axeitado desenvolvemento persoal, social e profesional do alumnado”.
Ademais, o conselleiro destacou a importancia da implicación activa das familias, e agradeceu o traballo dos docentes. “Sei que a atención personalizada nas aulas suponvos, docentes, un esforzo suplementario. Pero sei tamén que é imprescindible e que todo o que merece a pena implica traballo. Quero, pois, aproveitar a ocasión para agradecer ese traballo, esa implicación, esa responsabilidade que demostrades día a día nas aulas, co voso alumnado, que é o noso obxectivo común”, rematou.
Relatorios e mesa de experiencias
Tras a inauguración, a xornada comezou co relatorio da catedrática da Universidad Complutense de Madrid Luz Pérez Sánchez, Escola inclusiva e competencias en alumnos con alta capacidade. O programa da mañá completouse cunha mesa de experiencias educativas moderada polo especialista en altas capacidades do equipo de orientación específico da Coruña, Luís Fernández Cao. Nesta mesa participaron o catedrático da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela Juan M. Viaño Rey, que presentou o Proxecto ESTALMAT-Galicia para o estímulo do talento matemático; Mª Jesús Pasarín Vázquez, profesora do IES Elviña (A Coruña), que explicou o proxecto de excelencia matemática no marco dos contratos-programa; e José Tomás Díaz Eijo, profesor do IES de Melide, coa presentación A estimulación da creatividade nun programa de enriquecemento inclusivo.
Xa pola tarde, a profesora da Facultade de Psicoloxía da USC Carmen Mª Pomar Tojo impartirá o relatorio As altas capacidades: máis aló do Cociente Intelectual, que contou coa presentación da asesora de formación do CAFI Mª Elena Zoila Diéguez.
Obradoiros e protagonistas
Ao longo da tarde desenvolveranse ademais seis obradoiros simultáneos en diferentes espazos da EGAP. Así, Pilar Ónega Rodríguez, técnico especialista en recursos TIC e Pablo Gulín Díaz, asesor de formación do CAFI, analizarán os recursos educativos para estes estudantes; mentres que a asesora da Consejería de Educación de Madrid Carmen Alriols Fornes – presentada polo asesor de formación do CFR da Coruña Gerardo Nistal Martiño- explicará os programas de diferenciación curricular e as estratexias para a detección e a intervención na aula.
Os proxectos de comprensión en infantil e primaria a través das Intelixencias Múltiples (IIMM) será o tema abordado noutro dos obradoiros, presentado polo especialista en altas capacidades do equipo de orientación específico da Coruña, Luís Fernández Cao, e impartido polo coordinador de competencias do Colexio Hijas de Jesús (A Coruña), Gabriel Alberto Bas Ayala, e por Enma Quiroga Blanco, mestra de educación infantil no mesmo centro.
Sobre o estímulo da creatividade do alumnado traballarase no obradoiro presentado pola asesora de formación do CAFI Mª Elena Zoila Diéguez, e impartido por Javier Méndez Zunzunegui, profesor do CPI dos Dices (Rois); ao tempo que a asesora de formación do CAFI Mª Isabel Calvo Díaz presentará A Aprendizaxe Cooperativa como resposta á diversidade, impartido pola asesora de formación do CFR de Vigo Carmen Vaz. Tamén se presentarán os retos que as altas capacidades supoñen para as familias dos estudantes, nun obradoiro presentado polo profesor do IES de Melide Tomás Díaz Eijo e impartido pola profesora da USC Diana Rodríguez Salgado e pola presidenta e fundadora da asociación de Amigos dos Nenos con Altas Capacidades (ANACO) de Ourense.
A xornada pecharase coa voz dos protagonistas a través da experiencia no sistema educativo de dous alumnos de altas capacidades, Ángel González Gato – licenciado en Historia- e Iris González Rivas, estudante de Físicas.