O conselleiro de Cultura e Educación reúnese coa comunidade educativa do CEIP de Bandeira en Silleda
Xesús Vázquez Abad volveu a dar conta do seu interese pola situación dos centros educativos galegos ao tempo que recordou que en Galicia non se incrementará o ratio de alumnos por profesor
O colexio conta co plan PROA destinado a apoiar aos estudantes do 2º e 3º ciclo de educación primaria
Vídeo (1) coas declaracións do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
Vídeo (2) coas declaracións do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, mantivo hoxe un encontro coa comunidade educativa do CEIP de Bandeira, ao tempo que realizou un percorrido polas súas instalacións, no municipio pontevedrés de Silleda.
Durante o seu percorrido polo centro o conselleiro, que estivo acompañado polo xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, e polo director do centro José López Casal, comprobou de primeira man a situación do colexio no que estudan máis dun centenar de alumnas e alumnos de educación infantil e primaria.
Cómpre recordar que a Consellería vén de realizar melloras no centro o ano pasado no relativo ao sistema de calefacción e no presente ano para o arranxo do enreixado do centro. En declaracións aos medios o conselleiro recordou que o CEIP de Bandeira pertence ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, espazo que xa leva recibidos máis de 16.500 euros en forma de axudas.
Ademais está integrado no Programa de Iniciativas de Mellora (PIN) a través do Proa, solicitado para atender ao alumnado do 2º e 3º ciclo de educación primaria. En declaracións aos medios o conselleiro recordou que esta visita forma parte das que realiza habitualmente aos centros educativos “para deste xeito manter un contacto directo coa comunidade educativa”, dixo ao tempo que incidiu en que “en Galicia non se incrementará a ratio de alumnos por profesor. Debemos recordar que na nosa comunidade levamos facendo ben os deberes desde hai tres anos e a prol da calidade educativa”.
Taxa abandono escolar
Vázquez Abad sinalou que “Galicia é unha das comunidades ca ratio alumno por profesor máis baixo do estado e mesmo de Europa” e engadiu que “o traballo que levamos desenvolvido a través de distintos plan a prol da educación como o PROA, que neste centro beneficia a estudantes de varios ciclos, son parte das accións que estamos da levar para que a taxa de abandono escolar continúe a minguar, como xa vén acontecendo nos tres últimos anos nos que pasamos dun 26% que tiñamos ao actual 20,8 por cento”.
Con esta visita o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continúa a comprobar de primeira man a situación dos centros educativos galegos ao tempo que mantén encontros cos equipos docentes dos centros, así como de pais e nais.