Cultura e Educación continúa cun concerto de Borja Cao Trío o ciclo musical ST Música Presente do Salón Teatro

O grupo de jazz presentará en directo o seu segundo traballo discográfico The future is green este xoves 10 ás 21.00 horas

Borja Cao ao piano, Max Gómez á batería e Juansi Santomé ao contrabaixo mesturan sons clásicos do jazz con músicas tropicais e ritmos electrónicos

O programa destinado á promoción especial dos novos discos galegos continuará coas actuacións de Ugía Pedreira&Fred Martins o 7 de xuño e Loaira o 14 de xuño

Mar, 08/05/2012 - 17:27
Cultura e Educación continúa cun concerto de Borja Cao Trío o ciclo musical ST M
Cultura e Educación continúa cun concerto de Borja Cao Trío o ciclo musical ST Música Presente do Salón Teatro

O Salón Teatro de Santiago acolle este xoves 10, ás 21.00 horas, unha nova cita musical do programa de concertos “ST Música Presente” que organiza a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Nesta ocasión, será o grupo Borja Cao Trío o encargado de presentar en directo o seu novo traballo discográfico, The future is green, no que se mesturan sons clásicos do jazz con músicas tropicais e ritmos electrónicos.

O trío do pianista ourensán Borja Cao, acompañado por Max Gómez á batería e coa incorporación de Juansi Santomé ao contrabaixo, continúa así a súa andaina xunto ao selo Audia Records, compañía que á súa vez segue co seu labor de proxección das facetas do novo jazz feito en Galicia.

Novos estilos

Este segundo traballo de Borja Cao Trío explora novos estilos como a bossa nova e o funk. A linguaxe foi renovada con respecto ao seu álbum de debut, Match-ball, de xeito que frases de jazz clásico se fusionan con outros estilos como a música electrónica. Sobre este traballo, a revista nipona Jazz Japan Magazine vén de publicar unha crítica na que destaca “o progreso do artista como pianista, con melodías realmente exquisitas e inspiradas na súa personalidade”.

Exemplo do emerxente jazz galego, o primeiro traballo de Borja Cao saíu á rúa en 2009 baixo o nome de Match-ball. Todos os temas, ao igual que en The future is green, eran de creación propia e gozaron de boa acollida por parte da crítica e prensa especializada.

O pianista ourensán é profesor de solfeo, pedagoxía musical e música de cámara, e traballa como profesor de piano no Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela. Actuou con diversos grupos e formacións de música de cámara en Galicia e no estranxeiro, como o Club de Jazz Dado-Dadá, no Casino da Toxa ou no Club Cleopatra de Nova York.

Público especializado

Promovido pola Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en colaboración coa Asociación Galega de Produtoras Fonográficas (Agaphono), o ciclo "ST Música Presente" botou a andar en 2010 co obxectivo de ofrecer ás discográficas galegas unha nova canle de promoción e difusión dos seus artistas desde unha perspectiva esencialmente comercial.

As actuacións diríxense prioritariamente a un público especializado, como son programadores, promotores de festivais e certames de música, distribuidores, prensa especializada e outros axentes culturais, aínda que se abren tamén a todos os espectadores interesados, para os que se establece un prezo especial de 5 euros por entrada.

O de Borja Cao Trío será o terceiro dos concertos desta cuarta entrega do ciclo, trala actuacións ofrecidas pola banda marinense Liorna e o grupo folk Riobó. As próximas citas de “ST Música Presente” terán lugar no vindeiro mes de xuño, o xoves 7 co  concerto a cargo de Ugía Pedreira e Fred Martins no que interpretarán en directo os temas de Acrobata; e o xoves 14, coa actuación do trío musical Loaira.

Todos os concertos deste programa teñen lugar ás 21.00 horas. As entradas para o de Borja Cao Trío están á venda a través da billeteira electrónica da 902 43 44 43 ou da web http://entradas.novagaliciabanco.es. No despacho de billetes do Salón Teatro, poderán adquirirse o mesmo día da actuación a partir das 19.00 horas.

Menús News node R

Tema