Cultura e Educación convoca o II Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura, no que cen creadores darán a coñecer os seus traballos

A Cidade da Cultura convértese do 9 a 14 de setembro nun espazo de reflexión sobre a arte contemporánea coa presenza de artistas de renome como Jorge Perianes ou Monserrat Soto

O secretario xeral de Cultura destacou que o obxectivo da iniciativa é “apoiar a xente nova no seu proceso de aprendizaxe, promover o seu labor creativo e proporcionar un espazo de encontro para o intercambio de experiencias e ideas”

Convócanse un total de cen prazas, ás que poden optar estudantes en Belas Artes ou afíns e aqueles que demostren ter unha traxectoria ou proxecto artístico, nados entre 1977 e 1994

Lun, 07/05/2012 - 14:07

Vídeo con declaracións do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na presentación do encontro
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na presentación do encontro

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pon en marcha o II Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura, no que cen creadores terán a oportunidade de dar a coñecer os seus traballos e debater ao redor da arte contemporánea durante seis días de convivencia e intercambio de coñecemento e ideas con outros axentes culturais. Dirixido a mozos nacidos entre 1977 e 1994 (ambos inclusive), oII Encontro de Artistas Novos terá lugar do 9 ao 14 de setembro e poderán optar a unha praza estudantes e licenciados en Belas Artes ou afíns e todos aqueles que demostren ter unha traxectoria ou proxecto artístico.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentou esta mañá a segunda edición da iniciativa, xunto coa directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño. “O Encontro de Artistas Novos nace cos obxectivos de apoiar a xente nova nos seus procesos de aprendizaxe, promover o seu labor creativo e impulsar a reflexión e o intercambio de coñecemento”, asegurou Anxo Lorenzo, que enmarcou esta actividade en dúas das liñas estratéxicas da consellería e da Cidade da Cultura: a aposta pola educación e o coñecemento como eixos do progreso e o benestar social. O secretario xeral recordou a boa acollida coa que contou o Encontro na súa primeira edición, celebrada en setembro do  2011, e destacou o labor levado a cabo polo seu director, Rafael Doctor, figura ben coñecida e respectada no mundo da arte contemporánea.

Visitas aos centros de arte contemporánea de Galicia

A Cidade da Cultura converterase, do 9 ao 14 de setembro, en escenario de intercambio onde reflexionar sobre aspectos esenciais da creación artística contemporánea e outros máis concretos e relacionados coa construción dunha obra e a súa proxección no mundo real. Ademais de favorecer a convivencia entre artistas galegos e procedentes doutros lugares, o Encontro promoverá o debate sobre a situación actual da arte contemporánea, proporcionará un espazo de encontro e intercambio de coñecementos de ideas entre artistas e outros axentes do sector, como críticos ou comisarios, e daralles aos participantes a posibilidade de coñecer as principais infraestruturas da comunidade galega dedicadas á arte contemporánea.

Así, ao longo das seis xornadas de convivencia, os participantes, ademais de coñecer polo miúdo o complexo do Gaiás, realizarán visitas ao Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), ao Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) e ao Museo de Arte Contemporánea Unión Fenosa Gas Natural da Coruña (MACUF).

Encontros con artistas e “art followers”

Xunto con estas saídas, os participantes asistirán a unha serie de conferencias impartidas por artistas de recoñecido prestixio nos circuítos nacionais e internacionais da arte contemporánea como os ourensáns Carlos Maciá ou Jorge Perianes ou a catalá Montserrat Soto, un dos nomes imprescindibles da arte española nas últimas décadas.

Estas charlas permitiranlles aos participantes, ademais, entrar en contacto con outras traxectorias e procesos de produción artística. De feito, entendendo que é preciso establecer redes de intercambio entre novos artistas e axentes do sector co fin de estimular a colaboración, este II Encontro de Artistas Novos incorpora unha nova figura: os “art followers”, observadores ou todos aqueles comisarios, críticos, editores etc. que apoian aos novos creadores e que queren estar ao corrente das novidades do artista emerxente e os seus proxectos artísticos. Figuras como David Barro, Javier Díaz Guardiola, Guillermo Espinosa, Laura López Marín, Tania Pardo, Sergio Rubira e Manuel Segade serán os críticos ou comisarios que, neste evento, actuarán como observadores.

Ademais, o II Encontro de Artistas Novos celebrará un foro aberto no que os participantes terán a posibilidade de realizar unha presentación pública centrada no seu traballo e proxecto creativo persoal, servindo de plataforma e escaparate das súas creacións.

A metade das prazas para artistas galegos

O II Encontro de Artistas Novos convoca un total de cen prazas, das que o 50% estarán destinadas aos solicitantes nacidos ou residentes en Galicia e o outro 50% aos solicitantes de procedencia estatal e internacional. A obtención dunha praza inclúe a matrícula de inscrición, estancia en réxime de pensión completa no complexo do Monte do Gozo de Santiago de Compostela desde o domingo 9 de setembro ata o venres 14 de setembro (ambas as dúas inclusive), transportes diarios desde o Monte do Gozo ata a Cidade da Cultura e as visitas ás cidades de Vigo e A Coruña.

Solicitudes ata o 29 de xuño

Poden optar a unha praza todos aqueles profesionais nacidos entre 1977 e 1994 e que non participaran na primeira edición. A convocatoria está dirixida tanto a estudantes e licenciados en Belas Artes e afíns como a todos aqueles que demostren ter unha traxectoria ou proxecto artístico. A solicitude deberá efectuarse antes das 15:00 horas do venres 29 de xuño xunto coa documentación requirida: boletín de subscrición, fotocopia do DNI ou pasaporte, currículo vitae abreviado, dossier de presentación do traballo artístico e un resumo da presentación a realizar no foro ao enderezo electrónico encontro@cidadedacultura.org.

O nome dos seleccionados darase a coñecer 20 de xullo e deberán confirmar a súa participación antes do 27 de xullo. As bases do II Encontro de Artistas Novos poden consultarse e descargarse en www.cidadedacultura.org, así como o boletín de subscrición.

Menús News node R

Tema