Cultura e Educación pon en valor o talento e a innovación dos novos creadores no desfile ‘Despunte 2012’
A Cidade da Cultura acolleu esta tarde a pasarela de moda coa colección de fin de carreira da 3ª promoción de diplomados da EASD Mestre Mateo
A Consellería busca, coa súa colaboración nesta iniciativa, apoiar e dar a coñecer os creadores emerxentes do país
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria converteu esta tarde a Cidade da Cultura nunha pasarela de moda coas creacións dos alumnos e alumnas da 3ª promoción de diplomados en Estudos Superiores en Deseño de Moda da EASD Mestre Mateo. Eles foron os encargados de vestir de frescura e orixinalidade a Biblioteca de Galicia a través de Despunte 2012, desfile no que amosaron os seus traballos de fin de carreira.
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, asistiu á presentación da colección e felicitou os novos deseñadores polo seu traballo, ao tempo que os animou “a seguir desenvolvendo proxectos creativos e innovadores para o seu posicionamento no mercado”. “As industrias creativas, que conectan a cultura e os emprendedores, albíscase como unha fórmula interesante para estes momentos nos que se necesitan novas ideas para continuar avanzando”.
Esta colaboración coa EASD Mestre Mateo enmárcase dentro da liña de traballo da Cidade da Cultura de apoio á educación e aos novos talentos e creadores do país. No interese por apoiar a xente nova nos procesos de aprendizaxe e no desenvolvemento da súas habilidades, a Consellería de Cultura e Educación pretende a través de iniciativas como esta contribuír a estimular o seu traballo e a súa creatividade, así como dar a coñecer entre o público as creacións dos talentos emerxentes.