O conselleiro de Cultura e Educación presenta o proxecto básico de ampliación do CEIP Ramón Otero Pedrayo (A Laracha)
Vázquez Abad deu a coñecer o proxecto básico a comunidade educativa e recordou que “deste xeito dáse un novo paso na resposta as demandas do centro”
Grazas a construción dun novo aulario creáranse ata 225 novos postos escolares
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, deu a coñecer o proxecto básico de ampliación e mellora do CEIP Ramón Otero Pedrayo (A Laracha). Nun encontro coa comunidade educativa do centro presentouse dito proxecto básico relativo á construción dun novo aulario co que se crearan ata 225 novas prazas para estudantes.
En declaracións aos medios o conselleiro indicou que nesta fase o orzamento ascende a 1.791.608 euros e que consistirá na construción dun novo espazo composto por nove aulas – no proxecto inicial, que poderían incrementarse en outras tres- cos correspondentes aseos adaptados para a etapa de infantil, así como dúas aulas para o apoio educativo, unha sala de usos múltiple, una zona de profesores. Unhas instalacións de 1.244 metros cadrados construídos dos que 655 corresponden ao novo aulario. O espazo complétase con diversos espazos destinados a situar os servizos comúns e de administración.
O novo aulario organizarase en dous volumes de edificios en planta baixa, ligados entre si mediante amplos espazos de circulación que se poderán utilizar tamén como espazos de recreo. Deste xeito será posible utilizar de forma independente a zona das aulas da de usos múltiple e profesores. Ademais o salón de usos múltiples situarase o máis próximo posible á entrada para que todo o alumnado e as persoas externas poidan acceder a el sen interferir na actividade das aulas. Esta edificación permitirá ademais dispor dúas zonas exteriores para o xogo e o lecer dos estudantes, unha na parte dianteira e outra na posterior.
A construción deste novo aulario completarase coa comunicación de todos os edificios – na actualidade tres- cos que conta o centro a través de porches cubertos.
Resposta as demandas
“Deste xeito dáse un novo paso na resposta da Consellería ás demandas da comunidade educativa que viñan reclamando estas novas instalacións, precisas pra formar aos escolares durante os primeiros anos nunhas aulas axeitadas para tal propósito”, sinalou Vázquez Abad aos medios, unha vez rematado o encontro con membros do centro educativo do concello coruñés.
Asemade destacou que “deste xeito a Xunta volve a dar conta do seu compromiso coa sociedade galega, tanto no relativo as instalacións como ás decisións que tomamos a prol da calidade, como xa se demostrou a semana pasada ao confirmar que non incrementaremos a ratio de alumnos por aulas”, ao que engadiu que “non podemos esquecer que Galicia ten unha ratio de 9,7 alumnos por profesor sendo un dos máis baixos de Galicia así como de Europa”.
O centro educativo
Na actualidade o CEIP Ramón Otero Pedrayo, estudan 520 alumnas e alumnos dos que 188 son da etapa de infantil e 332 de primaria. E desde este curso contan cunha aula dixital composta por un ordenador portátil, un encerado dixital interactivo e un proxector parte dos preto de 300 destinados aos centros educativos galegos grazas a un acordo subscrito entre a Consellería de Educación, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a entidade Red.es - dependente do Ministerio de Industria-.
Ademais das obras que se desenvolverán no centro xa se investiron máis de 43.000 euros nas obras de peche do centro e na mellora da instalación eléctrica que nestes momento aínda se están a realizar.