O conselleiro de Cultura e Educación agradece o esforzo da comunidade educativa grazas ao que se acadou unha redución do 5,2% da taxa de abandono escolar no que vai de lexislatura

Xesús Vázquez Abad clausurou hoxe a Asemblea Anual da Confederación Galega de Asociacións de Pais de Alumnos (CONGAPA)

Sáb, 28/04/2012 - 12:30
Xesús Vázquez Abad clausurou hoxe a Asamblea Anual da Confederación Galega de As
Xesús Vázquez Abad clausurou hoxe a Asemblea Anual da Confederación Galega de Asociacións de Pais de Alumnos (CONGAPA)

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, clausurou hoxe a asemblea anual da Confederación Galega de Asociacións de Pais de Alumnos (CONGAPA), acompañado pola delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo. Neste acto o conselleiro manifestou o seu agradecemento á comunidade educativa polo esforzo realizado a prol da mellora da calidade do ensino en Galicia. “O esforzo merece a pena- dixo-. Nestes tres anos de lexislatura conseguimos reducir o abandono escolar nun 5,2%”, o que permite que Galicia teña unha taxa de abandono escolar un 5,5% más baixa que a media española.

Vázquez Abad fixo un repaso polas políticas desenvolvidas no que vai de lexislatura e que sitúan a Galicia “en mellores condicións que outras comunidades autónomas, porque reaccionou antes e porque adoptou reformas educativas que comezan a dar o seu froito”. “Deste xeito – explicou - non será preciso incrementar as ratios nas aulas dos centros escolares e a nosa seguirá a ser unha das Comunidades coa ratio alumno/profesor máis baixa de España e Europa. E, ademais, tentaremos manter os dous tipos de bacharelato en todos os IES galegos, para seguir na procura da excelencia educativa”.

Tres anos de traballo

O conselleiro salientou o labor desenvolvido polo seu departamento para acadar “uns obxectivos, polos que traballamos arreo”. Entre eles destacou a aposta por “unha educación moderna que prepare, co ensino de idiomas, ao noso alumnado para un mundo global”, por unha educación orientada a abrir as portas do mercado laboral á nosa xuventude, así como por un ensino “no que docentes e familias sexan verdadeiros protagonistas da mellora do sistema educativo, baixo un clima de respecto e de convivencia nas aulas”.

Así mesmo, Vázquez Abad sinalou como un logro a implantación real das novas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) no ensino, a través do Proxecto Abalar, que chegará o vindeiro curso a 44.500 alumnas e alumnos. “Indo moito máis alá da sentenza un alumno/un ordenador, creamos un espazo web no que aprenderlles aos menores a navegar con tino pola Rede, no que facilitar a comunicación en tempo real coas familias e co que darlle ferramentas formativas aos docentes”, destacou.

Doutra banda, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia amosou a súa satisfacción por ter reorganizado a rede de formación do profesorado, “na que xoga un importante papel o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) e a aposta polas TIC e os idiomas”; así como pola posta en marcha de iniciativas como a dos contratos-programa, na que xa traballan 144 centros educativos para a mellora do éxito escolar.

Ademais, o conselleiro salientou o Decreto de Atención á Diversidade, que coloca a Galicia “como unha das comunidades máis avanzadas de cara a acadar unha escola verdadeiramente inclusiva”.

Investimento de futuro

“A pesar dos momentos de crise que estamos a vivir- dixo o conselleiro- o goberno galego segue a apostar pola mellora da calidade do noso sistema educativo. Estamos optimizando os nosos recursos para seguir procurando unha educación moderna e de calidade, á altura dos mellores e máis avanzados sistemas educativos. Estamos, en definitiva, investindo no futuro de Galicia”.

Desta forma, Vázquez Abad rematou animando aos asistentes á asemblea a “encarar o futuro con valor, porque alí é onde van vivir as nosas rapazas e rapaces. A educación é un reto constante e a el temos que dedicar os nosos esforzos”.