Un total de 1.126 universitarios reciben axudas da Xunta para participar no programa Erasmus+

Por universidades, un total de 494 beneficiarios son estudantes da USC, 370 da UVigo e 262 da UDC, e un 62% das bolseiras son mulleres

A convocatoria medra un 5% ata os 1,6M€ e enmárcase no programa Galemundo, co que a Consellería de Educación facilita estudos no estranxeiro

Dom, 20/04/2025 - 10:05
Erasmus

Un total de 1.126 universitarios resultan beneficiarios das axudas convocadas pola Xunta para participar este curso en programas de mobilidade do programa Erasmus+. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución da convocatoria, que funciona como complemento ás axudas achegadas pola UE para os galegos que participan neste programa de estadías de entre dous e nove meses.

Por universidades, 494 dos beneficiarios son alumnos da Universidade de Santiago de Compostela (USC), 370 da de Vigo (UVigo) e 262 da Coruña (UDC). O 62% das bolseiras son mulleres, un total de 699; mentres que o 38% restantes, 427, son homes. No que atinxe ás ramas de coñecemento, case o 50% dos alumnos beneficiados son estudantes de Ciencias Sociais e Xurídicas, o 15% de Enxeñaría e Arquitectura, o 14% de Ciencias da Saúde, o 12% de Ciencias e o 9% de Artes e Humanidades.

Italia en Polonia, destinos principais

Os países que máis alumnos reciben, igual ca no curso académico anterior, son Italia (263) e Polonia (242). Séguenlle Romanía (82), Portugal (68), Chequia (67) e Francia (45), como países con máis estudantes beneficiarios.

O investimento do Goberno galego nestas axudas supera os 1,6M€, un 5% máis ca no ano anterior. O importe das bolsas oscila entre os 2.255€ e os 445€, en función do país de destino e a duración da estadía. Cómpre destacar que se adxudicou unha contía adicional de 500€ a un total de 540 estudantes cunha estadía igual ou superior a seis meses, comezando polos expedientes con maior nota media ata esgotar o orzamento.

Estas axudas enmárcanse no programa Galemundo, co que a Xunta facilita que 7.000 estudantes e docentes se formen este curso no estranxeiro. O Goberno galego destina este ano máis de 15M€ a esta iniciativa, que aglutina todas as bolsas da Consellería para facilitar viaxes a outros países para mellorar as súas competencias en idiomas.