A cifra de homologacións de títulos estranxeiros non universitarios expedidos pola Xunta de Galicia duplícase en só dous anos e acada xa as 18.000
A celeridade do sistema galego no ámbito das súas competencias contrasta cos atrancos nos títulos universitarios dependentes do Goberno central
A meirande parte das peticións recibidas son para a homologación de Bacharelato e o 75% das solicitudes resólvense nun prazo de entre só tres e cinco meses
Proceden de 113 países, o que dá conta da complexidade dos procedementos, con Venezuela en lugar moi destacado co 24,5% do total, seguida de Colombia e Perú
A axilidade do sistema galego facilita a inserción laboral ou a ampliación de estudos da poboación estranxeira que elixe Galicia para emprender unha nova vida
O número de homologacións de títulos estranxeiros non universitarios expedidos pola Xunta duplicouse en só dous anos, o que dá conta do atractivo da nosa Comunidade como lugar elixido para traballar e vivir por persoas chegadas do exterior no marco da Estratexia Galicia Retorna. En concreto, a cifra de homologacións aumentou un 94% ata acadar un total de 18.134 procedentes de 113 países diferentes entre 2022 e 2025.
Así se pon de manifesto nun informe da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional analizado hoxe no Consello da Xunta, e que evidencia a axilidade neste proceso de tramitación, un dos obxectivos establecidos no Programa de acollida ao alumnado estranxeiro e no Plan FPGal 360 de orientación profesional integral.
A Comunidade Autónoma ten competencias precisamente para homologar títulos de ensino non universitario, mentres que as competencias para o títulos universitarios recaen no Goberno central. Nese senso, os usuarios están atopando dificultades para a tramitación na Administración Xeral do Estado, o que empeora as posibilidades de inserción laboral ou de ampliación de estudos das persoas que chegan a Galicia.
Un 94% máis entre 2022 e 2024
No ámbito da Xunta, e a pesares do incremento significativo de peticións que se rexistran ano a ano, lógrase unha celeridade que permite resolver as solicitudes nun prazo de entre tres e cinco meses unha vez completado o expediente. Mentres que en 2022 se tramitaron 3.656 solicitudes, en 2023 aumentou ata 6.019 e volveu escalar a 7.089 en 2024. No primeiro trimestre de 2025 mantense o dinamismo coa presentación de 1.370.
Cómpre subliñar tamén que o 75% do total de 18.134 peticións rexistradas resolvéronse nun prazo de entre tres e cinco meses, o que avala a axilidade coa que actúa a Administración Autonómica neste eido para posibilitar que a poboación estranxeira que chega á nosa Comunidade poida emprender novos proxectos persoais e profesionais.
Tipo de estudos
Por tipo de estudos, a maior parte das homologación son de estudos de Bacharelato con 13.716 solicitudes (que representan o 75,6%), seguido de Educación Secundaria Obrigatoria (1.549), a combinación de ESO e Bacharelato (1.298) e FP (827). Tamén se recibiron solicitudes para ensinanzas artísticas e para ensinanzas deportivas. No caso de ESO e Bacharelato, o tempo medio de resolución e de só tres meses, mentres que no caso de solicitudes vencelladas á Formación Profesional sitúase entre catro e cinco meses.
Países de procedencia
No que atinxe á procedencia, Venezuela aglutina a meirande delas con 4.452 (o 24,5% do total), seguido de Colombia (3.081), Perú (2.496), Arxentina (1.453), Cuba (1.181) e Brasil (1.019). No polo oposto atópanse países como Acerbaixán, Albania, Bosnia-Herzegoniva, Etiopía, Grecia, Kuvait, Luxemburgo, Macedonia, Mali, Malta, Haití, Nova Zelandia, Qatar, República Centroafricana, República Checa, República do Congo, Moldavia, Mónaco, Namibia, Noruega, Suriname, Tailandia, Uganda, Ruanda, San Tomé e Príncipe, SrilLanka, Vanuatu e Xordania, cunha solicitude cada un deles. A gran variedade de países tamén dá conta da complexidade dos procedementos para o persoal funcionario da Xunta de Galicia.
Por áreas de xestión
Por zonas, o 34% das solicitudes foron xestionados nos servizos administrativos da Coruña, seguidas do 21,4% en Vigo, 13,5% en Ourense, 12,4% en Lugo, 8,4% en Pontevedra e 5,3% en Ferrol. Nos servizos centrais en Santiago resolvéronse o 5% restante.