Xunta e Repsol presentan un reto sobre industria química que será resolto polo CIFP Universidade Laboral de Culleredo e o IES Marqués de Sargadelos de Cervo
A directora xeral de FP participa nas instalacións da refinería da Coruña nunha xornada na que os alumnos perfeccionan as súas propostas no marco de InnovaTech FP
A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, participou esta mañá, xunto coa directora do complexo industrial Repsol na Coruña, Natalia Barreiro, na presentación do reto proposto por esta empresa para o programa InnovaTech FP sobre Sistema de análise preditiva para equipos críticos na industria química, para o cal foron seleccionados dous equipos de alumnos do Centro Integrado de FP CIFP Universidade Laboral (Culleredo) e outro do Instituto IES Marqués de Sargadelos (Cervo).
Este encontro entre e empresa e estudantes supón unha oportunidade de visitar as instalacións do complexo, así como resolver dúbidas para perfilar a solución ao reto mencionado. Agora, os equipos dispoñen ata final de curso para desenvolver as súas ideas, plasmalas nun proxecto final do que sairá un gañador. Durante os próximos meses, e baixo a supervisión e apoio técnico do Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros, os equipos recibirán formación específica en prototipado que lles axudará a concretala.
A proposta céntrase na identificación temperá de potenciais fallos nos equipos de bombas de dobre apoio e bombas en voladizo que se empregan na industria química, co fin de minimizar riscos e optimizar custos operativos.
O reto consiste en desenvolver un sistema baseado en intelixencia artificial para analizar os espectros de vibracións en equipos dinámicos críticos. Este sistema deberá procesar e comparar os datos de vibración recollidos, identificar patróns de fallos específicos, identificar distintas casuísticas de fallos e prever a vida útil restante dos equipos, permitindo a toma de decisións máis informadas sobre o mantemento e a substitución dos equipos.
Eugenia Pérez explicou que a través desta iniciativa búscase incentivar, entre o alumnado e os titulados de FP que contan cunha alta formación tecnolóxica, o desenvolvemento de proxectos avanzados no eido tecnolóxico e industrial co obxectivo de lograr unha transferencia de coñecemento cara as empresas dos distintos sectores produtivos da Comunidade. Neste senso, aproveitou para agradecer a implicación de Repsol no impulso da FP galega, que queda reflectida na estreita colaboración en iniciativas como InnovaTech, a FP Dual ou a Formación en Centros de Traballo.
60 equipos de 37 centros na segunda fase
Os representantes do CIFP Universidade Laboral e IES Marqués de Sargadelos forman parte dos 60 equipos de 37 centros educativos que veñen de pasar á segunda fase de InnovaTech FP na busca de solucións tecnolóxicas innovadoras a 20 retos propostos por firman punteiras do tecido produtivo galego, como é o caso do reto de Repsol.
O programa InnovaTech FP, enmarcado na Estratexia de FP Galicia 2030 e no Plan Innova FP Galicia, está enfocado ao impulso da innovación tecnolóxica por parte do alumnado de Formación Profesional e á transferencia de coñecemento aos sectores produtivos. O obxectivo é xerar innovación aplicada que poida derivar no desenvolvemento de proxectos de emprendemento tecnolóxico e industrial, a resolución de retos dos sectores produtivos galegos, o fortalecemento da colaboración público-privada, o desenvolvemento do rural e a promoción de liñas de actuación que colaboren na redución da fenda de xénero.