A Xunta felicita a María Bazar, alumna do CIFP Paseo das Pontes e gañadora do Premio Promesa de Alta Cociña de Le Cordon Bleu
A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, felicitou hoxe á gañadora do Premio Promesa de Alta Cociña de Le Cordon Bleu, María Bazar, un galardón referente na hostalaría. A vencedora cursa os seus estudos no Centro Integrado de FP Paseo das Pontes na Coruña, o mesmo centro no que se formou o gañador do ano pasado, Jacobo Diz, o que subliña a calidade da formación nesta familia profesional da FP en Galicia.
O Premio Promesas de Alta Cociña de Le Cordon Bleu Madrid recoñece os mellores resultados académicos e potencia o talento dos futuros cociñeiros que se están a formar nas escolas de toda España. O galardón consiste nunha beca valorada en 40.000 euros para realizar un curso de nove meses na prestixiosa escola de cociña Le Cordon Bleu en Madrid.