Cultura e Educación aposta por un clima axeitado de convivencia nas aulas como base para o éxito do sistema educativo
O secretario xeral técnico da Consellería participou hoxe nas xornadas de formación ‘Réxime Xurídico de pais e alumnos no ámbito escolar’ organizadas por Escolas Católicas
Vídeo coas declaracións do secretario xeral técnico da consellería, Jesús Oitavén
A Consellería de Cultura,Educación e Ordenación Universitaria participou hoxe nas xornadas de formación Réxime Xurídico de pais e alumnos no ámbito escolar, nas que o secretario xeral técnico, Jesús Oitavén, apostou por acadar un clima de convivencia axeitado nas aulas como base para o éxito do sistema educativo. O departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad participou hoxe neste encontro, organizado por Escolas Católicas, no que membros da comunidade educativa afondan en temas relacionados coa convivencia escolar co obxectivo de favorecer un clima positivo cunhas normas froito da reflexión e a información.
O secretario xeral técnico explicou que “a convivencia escolar é unha das prioridades do goberno galego, como se demostrou tras a aprobación da Lei de Convivencia e Participación da Comunidade Educativa”. “Esta normativa, pioneira en España, crea o contorno legal para conseguir un clima favorable nas aulas, regular e combater o acoso escolar, fomentar a participación das familias na educación das súas fillas e fillos e proporcionarlle á figura do docente a condición de autoridade pública”, engadiu.
Ademais o secretario xeral técnico lembrou que se trata dunha normativa demandada pola cidadanía e pola comunidade escolar, “e nós considerámola fundamental para a mellora do sistema educativo de Galicia, ademais de para dignificar a labor docente do profesorado”, sinalou.
Neste sentido o representante da Consellería agradeceu aos asistentes como membros dos equipos directivos dos centros, o seu esforzo, entrega e dedicación. “Son, sen dúbida, unha guía para toda a comunidade educativa”, salientou.
O réxime xurídico no ámbito escolar
Na xornada, celebrada no Colexio Maior Xelmírez, en Santiago de Compostela, abordarase a responsabilidade civil e penal no ámbito escolar, facilitaranse a docentes e directivos protocolos de actuacións para afrontar posibles casos de acoso escolar, así como información sobre o funcionamento e competencias dos xulgados e fiscalías de menores. Ademais, os asistentes afondarán en cuestións relacionadas co exercicios das funcións inherentes á patria potestade, garda e custodia, especialmente nos casos de ruptura da unidade familiar.
Coa súa participación neste encontro a Consellería dá mostra da súa vontade por favorecer entre todos os membros da comunidade educativa a creación de vínculos sobre os que poder construír unha convivencia en base a valores pacíficos e democráticos