Educación convocará 967 prazas de profesorado de primaria e secundaria

A oferta de emprego público docente increméntase en máis dun 28% con respecto a 2009

Xov, 18/02/2010 - 14:34

O Consello da Xunta autorizou hoxe o decreto polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario dos corpos docentes que imparten as ensinanzas de pimaria e secundaria. Na convocatoria, que terá lugar no mes de xuño de 2010, convocaranse un total de 967 prazas, o que supón un incremento de máis do 28% con respecto ás 723 convocadas no 2009.

Esta oferta de emprego público supón unha clara aposta polo ensino público por parte da Xunta de Galicia que, aínda en tempos de crise, renova o corpo de profesorado, garantindo o mantemento da calidade do sistema educativo. Ademais, as oposicións abren a posibilidade de obter un emprego estable aos estudantes que se están a formar para exercer a carreira docente.

Por outra banda, significa unha oportunidade para a promoción interna, á que se reserva o 15% dos postos, co fin de incrementar a estabilidade do persoal docente e diminuír a precariedade no traballo. Deste xeito, a Xunta de Galicia cumpre co seu compromiso de mellorar as condicións de traballo dos empregados públicos e de acceso á función pública.

Especialidades

A convocatoria prevé 600 prazas para mestres, 272 para profesores de ensino secundario; 66 para técnicos de formación profesional e 29 para música e artes escénicas.

Para o corpo de profesores de ensino secundario reservarase unha cota do 15% das prazas convocadas para a súa cobertura pola quenda de promoción interna; e outro 7% do conxunto delas para seren cubertas por persoas cun grao de minusvalidez igual ou superior ao 33%.

A convocatoria da oferta de emprego público responde á transparencia da Xunta de Galicia respecto do seu persoal funcionario, conforme os principios de publicidade, capacidade e méritos académicos e laborais persoais; polo que tanto a convocatoria como os criterios de baremo serán publicados no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Presentada aos sindicatos

A oferta de emprego público foi presentada o pasado 9 de febreiro en Mesa Sectorial, trámite tras o que se abriu un prazo de 48 horas para a presentación de alegacións desde os distintos sindicatos do ensino. Aprobada a oferta polo Consello da Xunta, realizaranse as convocatorias dos procedementos selectivos, que se iniciarán a finais do mes de xuño.

Na mesma Mesa Sectorial, a Consellería de Educación acordou tamén a convocatoria de 13 novas prazas do concurso oposición para acceder ao corpo de inspectores de educación, e a orde de convocatoria relativa ao concurso de méritos para a selección e nomeamento da dirección dos centros docentes públicos que imparten as ensinanzas regulas na LOE. A convocatoria refírese a aqueles centros en que estea por rematar o mandato do actual equipo de dirección.