A Xunta promove esta semana a II Feira de Educación, Formación e Emprego de Lugo

A cita, que se celebrará os días 9 e 10 de abril con máis de 6.000 persoas, forma parte do novo calendario de feiras Galicia Educa

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa e o delegado territorial da Xunta en Lugo presentaron a segunda edición deste espazo de orientación

Lun, 07/04/2025 - 16:40
 II Feira

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, presentaron hoxe a II Feira de Educación, Formación e Emprego que se celebrará o 9 e 10 de abril no Pazo de feiras e congresos da capital lucense. Esta cita, que forma parte do novo calendario de feiras Galicia Educa impulsado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, configúrase como unha oportunidade para que o alumnado próximo a comezar a súa formación superior coñeza de primeira man a ampla oferta académica á súa disposición. O evento, que vai pola súa segunda edición e conta co apoio da Fundación de Feiras e Exposicións de Lugo, prevé recibir máis de 6.000 visitantes.

Os representantes da Xunta animaron aos estudantes a achegarse aos numerosos stands desta segunda edición da feira a partir do mércores, nos que poderán recibir de primeira man información, asesoramento e orientación de cara ao seu futuro profesional. Así mesmo, tamén animan ao resto da cidadanía a achegarse xa que poden ver a forma de traballar e a enorme potencialidade dos centros educativos galegos, sobre todo no que atinxe ao amplo abano da Formación Profesional.

Non en balde, no encontro estarán representados os centros educativos galegos a través da participación de 23 centros, un posto de Formación Profesional e outra de programas creativos da propia Consellería. Tamén haberá outras entidades a nivel  nacional, as distintas facultades que a Universidade de Santiago de Compostela ten no campus de Lugo, así como a Universidade da Coruña e a de Vigo e outras nacionais. A feira tamén contará con stands das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado como o Exército, a Policía Nacional ou a Garda Civil. 

Galicia Educa

A cita lucense, que estará aberta en horario de 9,00 a 14,00 e de 16,00 a 19,00 horas os dous días, enmárcase no novo calendario de feiras Galicia Educa, impulsado pola Xunta para dar visibilidade a estes eventos como ferramenta para mellorar a orientación formativa e vocacional do alumnado, e ao mesmo tempo, amosar o bo traballo que desenvolven os centros educativos. Esta iniciativa engloba 17 feiras ao longo do curso escolar a nivel autonómico, provincial, comarcal e local.