Xesús Vázquez Abad reúnese con asistentes ao encontro de directores de institutos de educación secundaria, en Santiago
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, reuniuse hoxe cos asistentes á 5ª xornada da Asociación de Directivos de IES de Galicia (ADDIGA), que se celebrou no Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega).
Durante o encontro que se celebrou baixo o título A xestión dos equipos e dos conflitos, directores de institutos de educación secundaria de toda Galicia afondaron nas responsabilidades que implica a tarefa da dirección. Neste sentido, o xuíz José Antonio Vázquez Taín analizou a Lei para a Convivencia e a Participación da Comunidade Educativa e as implicacións que supón para o traballo das directoras e directores.
Así mesmo, o director xeral de Educación, José Luis Mira, tamén participou e expuxo as diferentes liñas de actuación que a Consellería está a poñer en marcha a prol da mellora da calidade do noso sistema educativo, cuxa aplicación depende en gran parte da colaboración de docentes e directores.