Román Rodríguez sinala o Premio literario San Clemente do IES Rosalía de Castro como unha ferramenta de fomento da lectura entre o alumnado

O conselleiro amosa o compromiso da Xunta por reforzar o hábito lector nos centros educativos coa implantación dunha hora de lectura a partir do vindeiro curso

Felicita aos galardoados nesta 28ª edición: Antón Riveiro Coello, Alejandro Zambra e Maggie O’Farrell

Mar, 25/03/2025 - 21:29
Premio literario San Clemente

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe na entrega dos premios da 28ª edición do Premio literario San Clemente, organizado polo Instituto IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela. Un certame a prol da cultura literaria e, especialmente, do fomento do hábito lector entre o alumnado. Así o sinalou o representante da Xunta, que estivo acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez.

Román Rodríguez remarcou o compromiso do Goberno galego polo reforzo da lectura nos centros educativos. Entre outras iniciativas, o vindeiro curso “imos implantar unha hora de lectura regulada co obxectivo de mellorar a comprensión e fomentar o pensamento crítico e a reflexión”, dixo sobre esta iniciativa enmarcada no Plan MEGA de mellora educativa.

O titular de Educación da Xunta destacou que os premios son fallados polos estudantes de distintos institutos galegos, de Madrid e incluso de Francia, Inglaterra e Alemaña, o que fai que sexan “uns galardóns especiais ao amosar que temos unha mocidade lectora que goza coa literatura”, engadiu Román Rodríguez. Tamén fixo fincapé no “gran nivel” dos autores seleccionados. Nesta edición os premios foron para Antón Riveiro Coello por Hotel Carioca na categoría de lingua galega, Alejandro Zambra por Literatura infantil na categoría de lingua castelá e Maggie O’Farrell por El retrato de casada en lingua estranxeira.