A Xunta celebra que Vigo acolla o encontro anual das escolas superiores de arte dramática de toda España
O conselleiro Román Rodríguez, acompañado pola delegada de Xunta Ana Ortiz, saúda aos participantes e felicita á ESAD da cidade pola organización desta cita
O Goberno galego comprométese a seguir impulsando as ensinanzas artísticas en Galicia como unha formación de calidade. Así o salientou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, con motivo do X encontro das escolas superiores de arte dramática do Estado español que acolle a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD), onde estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz.
O titular de Educación do Goberno galego felicitou ao centro vigués por ser a sede elixida para darse cita as 16 escolas superiores de arte dramática de todo o Estado e debater sobre o presente e o futuro destas ensinanzas en temas tan relevantes como a implantación da Lei de ensinanzas artísticas, os dereitos culturais ou o desenvolvemento sostible, entre outros. Román Rodríguez destacou o potencial destas ensinanzas e do seu alumnado, “a canteira dos futuros profesionais da cultura de Galicia”. Tamén aproveitou para agradecer o traballo “implicado, creativo e comprometido” dos docentes neste eido “proporcionando unha formación artística de calidade para os nosos mozos”.
A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, en Vigo, é un centro público que ofrece ensinanzas oficiais para obter unha Titulación Superior en Arte Dramática, equivalente a Grao universitario, en Dirección escénica e Dramaturxia, Escenografía e Interpretación.