A Xunta sinala a IV feira FormaMos como unha ferramenta clave para a orientación vocacional do alumnado
Román Rodríguez visita o evento e destaca o seu éxito, ao reunir preto de 3.000 estudantes, o dobre do ano pasado
A feira, que forma parte do calendario Galicia Educa, pon en valor o traballo dos centros educativos e facilita o contacto directo coas diferentes opcións formativas
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, participou hoxe na IV edición de FormaMos, a feira de formación organizada polo Concello de Mos, integrada en Galicia Educa. O titular de Educación da Xunta destacou o éxito de participación desta edición, que conta con preto de 3.000 estudantes de 21 localidades. Esta cifra supón unha asistencia récord, ao duplicar en máis da metade a afluencia do ano pasado e incorporando 10 novos expositores.
Román Rodríguez, que estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, subliñou a importancia de ofrecer ao alumnado información de primeira man sobre as distintas vías de formación, desde a FP e universitaria ata as opcións nos Corpos e Forzas de Seguridade. “Eventos coma este son fundamentais para que os estudantes poidan coñecer de preto as súas posibilidades e tomar decisións sobre o seu futuro”, sinalou o titular de Educación.
FormaMos consolídase como un espazo de referencia para a formación e a orientación. Nesta edición conta con 83 expositores, entre eles dous da propia Consellería, que ofrecen información sobre a FP e o proceso de acreditación de competencias. Ademais, participan 12 centros que imparten ensinanzas de Formación Profesional, a Escola Oficial de Idiomas de Vigo e a Escola Superior de Arte Dramático de Galicia, o que reforza a diversidade de opcións dispoñibles.
Galicia Educa
O representante do Goberno galego aproveitou a ocasión para recordar a presentación, esta mesma semana, do calendario Galicia Educa, unha iniciativa que engloba 17 feiras educativas ao longo do curso para reforzar a orientación vocacional e dar visibilidade ao traballo dos centros educativos. “Nun momento clave para decidir o seu futuro, os alumnos teñen a oportunidade de coñecer de preto as distintas opcións e explorar itinerarios formativos”, asegurou Román Rodríguez.
Así mesmo, explicou as principais liñas do novo Plan FPGal 360, co que a Xunta impulsa 60 medidas para reducir o abandono escolar temperán, fomentar a igualdade de oportunidades e mellorar a empregabilidade do alumnado. Neste sentido, destacou que un dos tres eixos principais do plan céntrase precisamente en fortalecer a orientación vocacional e profesional, aliñando as expectativas do estudantado coas necesidades do mercado laboral.