Román Rodríguez destaca as Xornadas de Orientación de Ferrol como unha oportunidade para informar o alumnado das opcións formativas para o seu futuro

O conselleiro de Educación e a delegada territorial da Xunta visitan o evento, na que unha trintena de centros e institucións educativas amosan a súa oferta

A cita enmárcase en Galicia Educa, o calendario de feiras educativas impulsado pola Xunta para favorecer a orientación vocacional dos estudantes

Xov, 20/03/2025 - 12:32
VI Xornadas de Orientación

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou esta mañá as VI Xornadas de Orientación da Comarca de Ferrol, organizadas polo Centro Integrado de FP Leixa. No seu percorrido pola feira, onde estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez; destacou a utilidade deste evento para amosar o traballo da trintena de centros e institucións educativas participantes e as oportunidades que brinda a súa oferta educativa.

Neste sentido, o titular de Educación do Goberno galego sinalou que neste encontro os estudantes poden coñecer as opcións formativas da súa contorna, tanto no que atinxe á FP como ás ensinanzas artísticas, universitarias ou outras alternativas, como o Exército ou a aviación. “En definitiva, é unha oportunidade para que a rapazada obteña información de calidade de cara a tomar decisións moi relevantes para o seu futuro”, afirmou Román Rodríguez.  

A Xunta pon a disposición dos visitantes deste evento asesoramento personalizado no espazo expositivo de FP, atendido por orientadores profesionais e por persoal asesor. O programa da feira inclúe, ademais, ata 33 relatorios, onde os propios centros ofrecen información da oferta das distintas opcións formativas que oferta a Consellería.

‘Galicia Educa’

As VI Xornadas de Orientación da Comarca de Ferrol forman parte do calendario Galicia Educa de feiras educativas impulsado pola Xunta co obxectivo de dar visibilidade ao bo traballo dos centros e impulsar a orientación vocacional do alumnado. Inclúe un total de 17 citas que se desenvolven ao longo de todo o curso escolar en diferentes puntos da Comunidade, tanto de ámbito autonómico como provincial e comarcal.