Política lingüística apoia as investigacións sobre a lingua galega que se están a desenvolver desde outros idiomas
A secretaría xeral está a impulsar a proxección internacional do galego, así como a súa investigación en relación con outras linguas, a través dos máis de corenta centros de estudos galegos cos que conta en diversos países de Europa e de América
A Secretaría Xeral de Política Lingüística segue a impulsar as investigacións que se están a levar a cabo sobre o galego en diversas universidades estranxeiras e desde outros idiomas. Así llo trasladou hoxe o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, a Zuzanna Anczewska, unha das estudantes de lingua galega da Universidade de Varsovia, en Polonia, que se encontra estes días en Galicia recadando materias para avanzar nun traballo de investigación sobre a lingua galega.
Durante a entrevista, o responsable de Política Lingüística interesouse polas actividades de promoción, investigación e tradución do galego que se están a realizar desde a Universidade de Varsovia, onde preto de trinta alumnos e alumnas estudan a lingua propia e a cultura de Galicia.
A proxección internacional da lingua galega
A aposta que o Goberno galego realiza en universidades de fóra de Galicia posibilita a realización dun amplo e variado programa de actividades culturais que inciden na promoción internacional o no coñecemento da lingua e da cultura galegas entre o público universitario e entre a cidadanía en xeral.
Na actualidade, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo está a impulsar a investigación desde outras linguas e a proxección exterior do galego a través dos corenta e catro centros de estudos cos que conta en diversas universidades de Europa e de América. Ademais dos dous centros de estudos galegos de Polonia –en Varsovia e Cracovia–, Política Lingüística está a impulsar a proxección internacional da lingua galega en Francia, Irlanda, Italia, Portugal, Reino Unido, Alemaña, Croacia, Brasil, Cuba e Uruguai. No que respecta a España, Barcelona, Bilbao, Cáceres, Granada, Madrid, Murcia, Salamaca, Vitoria e Alacante tamén contan con centros de estudos galegos.