A Xunta reforza o programa Retorna Talento FP con 150 novas bolsas, un 40% máis, e formacións curtas para sectores cunha alta demanda de profesionais

Ofertaranse por primeira vez bolsas de 4.000€ para obter en tres meses certificados profesionais en sectores con gran necesidade de persoal cualificado

Tamén haberá ciclos de FP Dual Intensiva de dous cursos, cunha bolsa de 12.000€, que mesturan formación en centros e empresas en Galicia e no país de orixe

Desde o inicio do programa formáronse xa 135 persoas grazas a estas convocatorias

Lun, 17/03/2025 - 18:44
Xunta

O Consello da Xunta deu hoxe luz verde ao reforzo do programa Retorna Talento FP, coa que o Goberno galego facilita que os galegos do exterior poidan volver á súa terra de orixe para mellorar a súa cualificación co apoio de axudas de ata 12.000€. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP publicará nas próximas semanas unha nova convocatoria destas bolsas con 150 prazas, case un 40% máis ca en 2024, cun orzamento de 1,2M€, un 25% máis.

Entre as novidades destaca a creación dunha nova oferta formativa de tres meses de duración, dirixida á obtención de certificados profesionais e que alternan formación no centro e en empresas. O obxectivo é, por unha banda, ofrecer aos galegos do exterior unha oportunidade laboral, dado que estes programas teñen unha gran acollida entre as empresas. Ofértanse, ademais, nos sectores da hostalaría e a construción, cunhas taxas de inserción laboral moi elevadas.

Por outra banda, dáse resposta ás necesidades de profesionais cualificados que presentan as empresas destes sectores, favorecendo o reforzo dos seus cadros de persoal con traballadores dotados da certificación profesional axeitada.

Increméntase tamén o número de concellos participantes nos programas de formación, dos cinco da convocatoria anterior aos nove da convocatoria actual.

Certificados profesionais

A convocatoria divídese en dúas categorías, en función do tipo de estudos que se ofertan. Así, a modalidade A contempla 75 bolsas para estudar formación conducente á obtención de certificados profesionais de nivel 1, cunha duración de entre 290 e 350 horas. Cada unha das bolsas é de 4.000€ distribuídos en dous pagamentos.

Neste caso o alumnado chegará a Galicia a partir do mes de maio deste ano, cursará a primeira parte da formación durante un mes do centro educativo e despois continuarana en empresas dos sectores da hostalaría e a construción, que contan cunha altísima demanda de profesionais cualificados a través deste tipo de programas formativos e unha empregabilidade moi elevada.

A relación de estudos ofertados, con 15 prazas cada un, é a seguinte:

 

Certificado profesional

Centro educativo

Operacións básicas de restaurante e bar (290 horas)

IES de Sabón (Arteixo)

Operacións básicas de restaurante e bar (290 horas)

IES Ramón Caamaño (Muxía)

Operacións auxiliares de albanelaría de fábricas e cubertas (320 horas)

CIFP A Farixa (Ourense)

Operacións auxiliares de albanelaría de fábricas e cubertas (320 horas)

CIFP de Cantería de Galicia (Poio)

Operacións básicas de cociña (350 horas)

CIFP Carlos Oroza (Pontevedra)

 

FP Dual Intensiva

A segunda modalidade inclúe 75 bolsas para cursar un ciclo de grao medio ou superior na modalidade de FP Dual Intensiva, cunha duración de 2.000 horas distribuídas en dous cursos. Neste caso, os seleccionados poderán iniciar a súa formación académica no país de orixe e completala coa parte práctica en empresas en Galicia.

Durante o primeiro curso, o 2025/26, os estudantes realizarán a primeira parte a distancia desde o país de orixe e unha segunda parte presencial no centro educativo e nas empresas xa na nosa Comunidade. O segundo curso académico comezará de xeito presencial no centro de formación e, a continuación, completarase na empresa.

Nesta modalidade as persoas solicitantes terán que participar nunha entrevista por videoconferencia coa empresa participante na formación para realizar a valoración individual de cada unha delas.

O importe das bolsas ascende a 12.000€ por persoa distribuídos en catro pagamentos. A relación de estudos ofertados, con 15 prazas cada un, é a seguinte:

 

Ciclo de Formación Profesional Dual Intensiva

Centro educativo

Ciclo superior de Mecatrónica Industrial

CIFP Ferrolterra (Ferrol)

Ciclo medio de Servizos en restauración

IES de Foz (Foz)

Ciclo medio de Construción

CIFP de Cantería de Galicia (Poio)

Ciclo medio de Pedra natural

IES Ribeira de Louro (O Porriño)

Ciclo superior de Xestión de aloxamentos turísticos

CIFP de Vilamarín (Vilamarín)

 

Estratexia Galicia Retorna

Desde o inicio do programa Retorna Talento FP formáronse en Galicia un total de 135 retornados ao abeiro destas convocatorias. Este programa compleméntase coas Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior (BEME), para universitarios, destinadas a galegas e galegos residentes no estranxeiro e cunha nova convocatoria aberta ata o 30 de abril, que permitirá a 250 persoas completar a súa formación académica cursando mestrados nalgunha das tres universidades públicas galegas no vindeiro curso 2025/2026.

Búscase tamén que a sociedade galega se enriqueza cos coñecementos e as experiencias profesionais internacionais que acheguen estas persoas que residiron ou naceron no estranxeiro.