A Xunta abre o prazo dos novos campamentos dixitais de verán, con 9.300 prazas gratuítas para as familias
Román Rodríguez destaca que o obxectivo é que a rapazada perfeccione as súas destrezas dixitais ao tempo que se facilita a conciliación
Disporán tamén dun amplo abano de actividades complementarias enfocadas á mellora da convivencia e ao fomento das relacións sociais e a cohesión do grupo
Está dirixido a alumnos de entre 9 e 17 anos, con especial atención ás situacións de vulnerabilidade educativa, social e económica
As estadías, en quendas dunha semana de 9,00 a 16,00 horas, desensenvolveranse nas vacacións escolares, entre o 23 de xuño e o 5 de setembro
Nesta primeira convocatoria ofértanse 7.000 prazas iniciais para centros públicos, que se completarán con outras 2.300 máis para centros concertados
O Goberno galego abre desde mañá o prazo para que os centros educativos soliciten participar nos campamentos dixitais de verán, un novo pograma impulsado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, a través do cal se ofertan unhas 9.300 prazas gratuítas para as familias, 7.000 delas nesta primeira convocatoria para centros públicos, que se completarán con outras 2.300 máis para centros concertados.
Así o anunciou esta mañá o conselleiro, Román Rodríguez, durante a participación no acto de entrega de premios dos certames escolares organizados polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, no que estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández.
O titular de Educación do Goberno galego puxo en valor a oportunidade desta iniciativa na medida en que os rapaces van poder “perfeccionar as súas destrezas e competencias dixitais ao tempo que se facilita a conciliación das familias durante a época estival”. Os campamentos contarán, ademais, cun amplo abano de actividades complementarias enfocadadas á convivencia e a fomentar as relacións sociais e a cohesión dos grupos.
Os campamentos, aos que se destina máis de 2M€, van dirixidos ao alumnado de entre 9 e 17 anos, para estadías en quendas dunha semana que se celebrarán desde o 23 de xuño ata o 5 de setembro, é dicir, coincidindo co período de vacacións escolares, cando os centros abrirán para acoller esta iniciativa. En canto á asignación das prazas, terase especial atención ao alumnado de contornas vulnerables por cuestións de índole socioeconómica, por ter unha discapacidade ou por residir en zonas con baixa conexión, entre outras. Os centros dispoñen ata o día 15 de abril para tramitar as solicitudes.
Atendidos por profesionais especializados
Durante as estadías, en horario de 9,00 a 16,00 horas, os rapaces estarán atendidos por profesionais especializados en competencias dixitais contratados específicamente para desenvolver este programa, xa que o obxectivo é reforzar os coñecementos do alumnado e, deste xeito, contribuír a atallar a fenda dixital, en cumprimento do mandato da Unión Europea ao respecto. Paralelamente, configúrase como unha medida de apoio á conciliación das familias na época estival, unha vez que remata o período lectivo.
Haberá dous itinerarios formativos: un de competencias básicas dirixido a alumnos de entre 9 e 13 anos de idade e outro de competencias avanzadas para alumnos de entre 14 e 17 anos, organizados en grupos de entre 15 e 25 alumnos. Os alumnos que superen o curso poderán certificar 30 horas de formación. Para o desenvolvemento das actividades os alumnos contarán con materiais dixitais específicos e metodoloxías activas.
Calendario das estadías:
QUENDA |
DATAS |
1ª quenda |
23 xuño – 27 xuño 2025 |
2ª quenda |
30 xuño – 4 xullo 2025 |
3ª quenda |
7 xullo – 11 xullo 2025 |
4ª quenda |
14 xullo – 18 xullo 2025 |
5ª quenda |
28 xullo – 1 agosto 2025 |
6ª quenda |
1 setembro – 5 setembro 2025 |
Premios Colexio de Enxeñaría en Informática
Na asistencia á gala de entrega de distintos premios organizados polo Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia, o conselleiro de Educación salientou a importancia de garantir a competencia dixital do alumnado galego, de acordo coa Estratexia de educación dixital 2030, enfocada a xerar un ecosistema dixital nos centros educativos como garante para avanzar na integración e na igualdade de oportunidades.
Neste senso, o conselleiro gabou a iniciativa do Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia de, a través de actos coma o de hoxe, contribuír ao reforzo desta liña de traballo. Ao mesmo tempo trasladou a súa felicitación ao conxunto de alumnos premiados nas modalidades de Olimpíada Informática Galega, do concurso de programación universitaria Ada Byron e do concurso literario infantil e xuvenil sobre protección de datos, todos eles correspondentes ás edicións 2023, 2024 e 2025.