O Servizo Galego de Saúde ofrecerá desde abril formación práctica a 44 alumnos do ciclo de FP Dual de Imaxe para o diagnóstico e medicina nuclear

O titular da carteira sanitaria sinala que o alumnado contará cun titor cualificado para guiar a súa aprendizaxe

Destaca que a colaboración entre as Consellerías de Educación e de Sanidade permite ofrecer unha experiencia formativa do máximo nivel nun dos mellores sistemas sanitarios do mundo

O titular de Educación subliña o compromiso co reforzo da oferta académica dos ciclos formativos da área sanitaria, que rexistran unha alta empregabilidade

O acordo vai dirixido aos estudantes do ciclo de Técnico Superior en Imaxe para o diagnóstico e medicina nuclear nos centros CIFP Ánxel Casal-Monte Alto na Coruña e Ricardo Mella en Vigo

Mér, 12/03/2025 - 14:08
Convenio Sanidade

O Servizo Galego de Saúde ofrecerá a partir de abril formación práctica a 44 alumnos do ciclo de Formación Profesional Dual de técnico superior en Imaxe para o diagnóstico e medicina nuclear para que realicen as súas prácticas nalgún dos hospitais públicos galegos, aportándolles, deste xeito, unha experiencia real.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, asinaron un convenio de colaboración para a implantación desta formación, nun acto ao que tamén asistiron a directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, e o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada.

O titular da carteira sanitaria puxo en valor que, grazas á colaboración entre as Consellerías de Educación e de Sanidade os estudantes terán acceso ás instalacións e servizos de biblioteca do departamento sanitario galego e contarán cun titor cualificado para guiar a súa aprendizaxe.

A incorporación do alumnado de 1º curso farase a partir do día 22 de abril ata o 31 de xuño nos sete hospitais públicos das cidades, ademais de no hospital da Mariña. No vindeiro ano, o período formativo no 2º curso será desde o 9 de febreiro ata o 31 de xullo. O Servizo Galego de Saúde comprométese a acoller nas súas instalacións un mínimo de 44 alumnos e alumnas para este proxecto de formación profesional dual, distribuídos, concretamente, do seguinte xeito: 9 alumnos nas instalacións do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña; 9 alumnos no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo;  7 no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela;  5 no Hospital Lucus Augusti; 5 no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense; 4 no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra; 4 no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol; 1 no Hospital Público da Mariña.

Segundo Gómez Caamaño, é un acordo de colaboración beneficioso desde o punto de vista da educación, xa que permite ofrecer unha experiencia formativa do máximo nivel nun dos mellores sistemas sanitarios do mundo, amparada, ademais, por un contrato laboral.

Tamén é unha colaboración beneficiosa desde o punto de vista da sanidade pública, posto que, nun eido necesitado de profesionais cualificados como é o sanitario, resulta un privilexio contar con traballadores que, cando acaben esta etapa formativa, se incorporarán a pleno rendemento ao sistema.

Preparación completa e personalizada

Trátase dun plan dirixido ao alumnado que cursa o título de técnico superior en Imaxe para o diagnóstico e medicina nuclear nos centros CIFP Ánxel Casal-Monte Alto na Coruña e IES Ricardo Mella en Vigo, optimizando o seu plan formativo e ofrecendo unha preparación máis completa e personalizada.

Sinalou, así mesmo, que a Xunta opta por un modelo de formación compartida cos centros educativos, no que o Servizo Galego de Saúde asumirá o 44 % das horas que conforman o currículo.

Para asegurar o correcto desenvolvemento do plan, establecerase unha comisión mixta de seguimento integrada por representantes da Consellería de Educación e do Servizo Galego de Saúde, ademais dos responsables dos centros educativos.

Así mesmo, optouse por un enfoque plurilingüe co obxecto de potenciar as competencias comunicativas dos estudantes.

Para rematar a súa intervención, o conselleiro de Sanidade dixo que con esta iniciativa a Xunta aposta por unha ensinanza que abre portas no ámbito profesional, preparando ás novas xeracións para un futuro con máis oportunidades.

Alta demanda e inserción na área sanitaria

Pola súa banda, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP gabou a importancia deste acordo de colaboración co obxectivo de seguir impulsando a Formación Profesional no ámbito sanitario con propostas de calidade e innovadoras “que sexan capaces de dar resposta ás necesidades dos centros de saúde e hospitalarios”. Neste senso, a FP Dual Intensiva configúrase como unha modalidade axeitada na medida en que os estudantes reforzan a adquisición de coñecementos académicos coa práctica formativa en contornas reais de traballo.

Román Rodríguez lembrou que, entre o crecemento xeneralizado da matrículas en FP, os ciclos da familia de Sanidade son dos máis demandados por parte do alumnado, con preto de 10.000 matrículas este curso, o que supón un crecemento do 10% con respecto ao curso anterior. Esta dinámica alcista da matrícula vai parella dun crecemento xeneralizado da empregabilidade na FP en xeral, e nos ciclos sanitarios en particular, que acadan unha taxa de inserción laboral de case o 85% dos titulados.

En palabras do conselleiro de Educación, isto é froito dun “traballo conxunto” no que destaca a implicación dos centros educativos, a confianza depositada polas distintas entidades e empresas que colaboran coa FP e a aposta continua da Administración educativa pola dotación tanto técnica como persoal dos institutos e centros de FP.

Precisamente, Román Rodríguez referiuse á calidade formativa e ao alto nivel dos equipamentos cos que contan tanto o Centro Integrado de FP Ánxel Casal, da Coruña, coma o Instituto IES Ricardo Mella de Vigo. En concreto, o Ánxel Casal, con preto de 2.600 matrículas, concentra o maior número de estudantes de FP de Galicia, e o seu nivel académico fixo que en 2022 entrara a formar parte da Rede Estatal de Excelencia de Formación Profesional, na que Galicia está no grupo de comunidades líderes cun total de cinco centros.

Finalmente, o titular de Educación salientou o compromiso do seu departamento de seguir reforzando “o modelo de éxito da FP galega” cunha aposta pola innovación, a especialización, a relación con organizacións e empresas e a potenciación dos coñecementos de inglés, entre outros.