A Xunta convoca case 200 as prazas de estadías formativas en empresas para profesorado de FP

O obxectivo é avanzar na mellora do sistema educativo a través da formación permanente dos seus docentes, que disporán de bolsas dotadas con 400.000€, para realizar esta experiencia en Galicia ou fóra da Comunidade

Mér, 05/03/2025 - 15:45
Profesor de FP cun alumno na aula-taller, comprobando unha peza de madeira

A Xunta de Galicia vén de convocar 180 prazas para estadías formativas en empresas ou institucións para o ano 2025 dirixidas ao profesorado de FP e das ensinanzas de réxime especial deportivas, de artes plásticas e deseño, de conservación e restauración de bens culturais e de música e artes escénicas.

 

A finalidade destas accións é avanzar na mellora do sistema educativo a través da formación permanente do seus docentes, achegándoos ás novidades do mundo produtivo e aos seus avances tecnolóxicos.

 

Ao abeiro desta iniciativa que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional financia con máis de 400.000 euros, ofértanse un total de 180 prazas, 50 delas vencelladas á relación de empresas colaboradoras indicadas na convocatoria. O resto das prazas son libres, de tal forma que o docente pode escoller en que empresa realizará a estadía.

 

Prazo ata o 10 de marzo

As persoas interesadas terán ata o día 10 de marzo para iniciar o proceso de solicitude, a través da aplicación fprofe. As empresas e institucións nas que soliciten realizar o período formativo poderán ser tanto de Galicia como do resto de España. A duración total de cada estadía será como mínimo de oito horas e como máximo de 160 horas, e deberán desenvolverse entre o día seguinte ao da data da publicación da Resolución definitiva desta convocatoria e o 5 de setembro deste ano.

 

O profesorado participante contará cunha bolsa de estudos dependente do número de días e dos quilómetros de desprazamento. A contía máxima que poderá percibir o profesorado que realice unha estadía formativa en Galicia será de ata 1.500 euros, mentres que para estadías fóra de Galicia acadará os 2.300 euros como máximo.