Román Rodríguez destaca a implicación do grupo Santos no modelo de éxito da FP galega
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP visita as instalacións da empresa, que colabora este curso na formación dunha trintena de alumnos
A firma tamén participa en InnovaTech propoñendo retos aos estudantes para que os resolvan con solucións innovadoras
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, visitou hoxe as instalacións da empresa Santos Equipamento de Interiores, da que destacou a súa implicación no modelo de éxito da FP galega.
“Este curso están a formarse nesta compañía unha trintena de alumnos, que se suman aos máis de 50 estudantes que desde 2022 fixeron parte da súa formación práctica no grupo Santos”, explicou o conselleiro.
Román Rodríguez quixo salientar a importancia desta cooperación no futuro dos rapaces. “A colaboración das empresas é imprescindible para que o alumnado de FP poida coñecer as circunstancia reais do traballo e familiarizarse coas aptitudes que demanda o mercado laboral”, sinalou. “Se a FP galega conta cunha empregabilidade case total é grazas ao apoio que temos do tecido produtivo para dar a mellor cualificación aos alumnos”, incidiu.
Retos innovadores
O titular do departamento educativo da Xunta puxo en valor tamén a participación do grupo Santos no programa InnovaTech FP, a través do que un total de 20 firmas punteiras propoñen retos tecnolóxicos ao alumnado de FP para que busquen solucións innovadoras que teñan un impacto positivo no desenvolvemento do medio rural, así como no crecemento sustentable da sociedade. Deste xeito, búscase conectar aos estudantes co sector empresarial mediante a innovación tecnolóxica e a transferencia de coñecemento.
En concreto, o reto do grupo Santos consiste na creación dun Sistema de embalaxe ecolóxico para a protección de mercadorías no transporte marítimo e terrestre. Parte da crecente demanda de solucións alternativas de embalaxe que, ademais de protexer eficazmente as mercadorías, sexan respectuosas co medio ambiente, tendo en conta as condicións extremas do transporte internacional.
O sistema de embalaxe obxecto do reto debe protexer mercadorías como mobles e mesados durante o transporte internacional, ser manipulable con carretillas elevadoras, facilmente desmontable para inspeccións e entregas finais, e proporcionar máxima protección con mínimo custo e volume. Ademais, deberá ser lixeiro, resistente e ecolóxico, evitando plásticos e materiais non reciclables, e posibilitando o seu aproveitamento como fonte de enerxía calorífica ao final da súa vida útil.
Participan na resolución deste reto os institutos IES A Sardiñeira (A Coruña), Monte Castelo (Burela) e A Guía (Vigo), así como os centros integrados de FP CIFP Someso (A Coruña), Politécnico de Santiago de Compostela, Compostela (Santiago), As Mercedes (Lugo) e Fontecarmoa (Vilagarcía de Arousa).