A Xunta convoca bolsas para que 300 docentes melloren idiomas no estranxeiro a través do programa Galemundo
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 21 de marzo
Hai dúas modalidades, unha para o verán e outra para integrarse no primeiro trimestre
A Xunta de Galicia vén de convocar no Diario Oficial de Galicia 300 prazas para que os docentes melloren as súas competencias lingüísticas no estranxeiro do marco do novo programa Galemundo, co que a Xunta impulsa a internacionalización no ensino. O prazo para solicitar participar nesta iniciativa integral de aprendizaxe de linguas estranxeiras estará aberto ata o 21 de marzo.
Este ano, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destina máis de 1M€ a esta convocatoria para cubrir os gastos de desprazamento (agás os traslados ata o punto de saída e chegada), docencia, actividades culturais, manutención e aloxamento das persoas beneficiarias desta acción.
O procedemento de solicitude iniciarase a través da aplicación en liña dispoñible desde a páxina web do programa e cubrirase o formulario electrónico que corresponda en función da actividade na que desexan participar. Unha vez cuberto, os interesados gravarán os datos na aplicación en liña, e posteriormente realizarán a presentación a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
Integración nun centro escolar
A convocatoria está dirixida ao profesorado de inglés, francés ou portugués de Infantil, Primaria, Secundaria, FP e Ensinanzas de Réxime Especial, así como aos docentes de materias ou módulos non lingüísticos impartidos en linguas estranxeiras nestas etapas educativas e divídese en dúas modalidades.
Unha delas consiste na realización dun curso de idiomas de dúas semanas en Reino Unido, Francia Portugal ou Alemaña. A estadía no estranxeiro desenvolverase durante o mes de xullo de 2025. Na segunda fase o docente elaborará unha proposta didáctica como recurso educativo aberto baseada na súa experiencia.
A outra é para a integración na vida escolar nun centro educativo de Canadá, Francia ou Portugal durante dúas semanas no primeiro trimestre do curso 2025/2026. A segunda fase céntrase na difusión da experiencia adquirida mediante a elaboración dunha memoria e dunha proposta didáctica como recurso educativo aberto.