A Xunta aborda cos equipos directivos dos centros as alertas meteorolóxicas e a Lei de educación dixital
Román Rodríguez reúnese cos representantes dos directores de colexios e institutos dentro do proceso participativo aberto para preparar esta normativa pioneira
Tamén se avalía o novo protocolo da Comisión Escolar de Alertas, cuxa actualización se considera positiva, así como a revisión e actualización do programa Edixgal
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, reuniuse hoxe de xeito telemático cos equipos directivos dos colexios e institutos galegos, representados a través da Xunta autonómica de directores e directoras de centros de ensino non universitario, con quen abordou cuestións vencelladas ao ensino dixital e ao novo protocolo da Comisión Escolar de Alertas aprobado esta semana no Consello da Xunta.
Este encontro enmárcase dentro da rolda de reunións para elaborar a futura Lei de educación dixital de Galicia, a primeira a nivel estatal e europeo neste eido, iniciada a semana pasada cunha xuntanza con representantes das anpas. O obxectivo é dialogar e incorporar propostas de toda a comunidade escolar a este texto que regulará os dereitos e deberes dos seus membros -administracións públicas, centros, docentes, alumnos e familias- ante os novos retos de transformación social que inciden no ensino.
A reunión serviu tamén para dar conta do novo protocolo da Comisión Escolar de Alertas que guiará as actuacións no ámbito educativo ante fenómenos meteorolóxicos adversos, e que é recibido dun xeito satisfactorio polos representantes dos equipos directivos. Neste sentido, explicouse que a actualización destas instrucións é reforzar a coordinación e estruturar mellor as decisións da Xunta no referido á suspensión de actividades no exterior, das clases ou do servizo de transporte escolar nestas situacións. A principal novidade é o establecemento de medidas específicas en función do nivel de alerta.
Outro dos temas abordados foi a revisión e actualización do proxecto E-Dixgal, de libro electrónico, na que está traballando a Consellería de Educación co obxectivo de implementar e mellorar este programa logo dunha década de funcionamento.