O Centro de Formación e Recursos de Vigo, o máis grande de Galicia, desenvolve máis de 350 actividades para uns 9.000 docentes de 270 colexios e institutos
O director xeral de Centros e Recursos Humanos supervisa coa dirección do CFR as accións levadas a cabo ao abeiro do Plan anual de formación para docentes deste curso
O director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Jesús Álvarez, mantivo esta mañá unha xuntanza de traballo coa directora do Centro de Formación e Recursos de Vigo, Consuelo Rivera, para avaliar o desenvolvemento do Plan de formación permanente do profesorado na área sur da provincia de Pontevedra.
O representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP salientou o “alto grao de compromiso” coa formación do profesorado ao que atende este CFR, que é o máis grande de Galicia, xa que presta servizo a preto de 9.000 docentes de 270 colexios e institutos da cidade olívica e a súa área de influencia.
O Centro de Formación e Recursos de Vigo realiza preto de 360 actividades de actualización académica competencial dos docentes, aos que lles oferta máis de 70 cursos de formación con temáticas variadas para atender as distintas necesidades e intereses, e onde destacan os relacionados coa mellora da competencia matemática e da competencia lectora do alumnado, así como coa intelixencia artificial, a educación dixital , a convivencia e o benestar e a atención á diversidade e a inclusión. Entre os programas desenvolvidos pola Consellería, o CFR destaca especialmente o de Polos Creativos, onde prestan apoio a 250 centros, e o de Observa_Acción, que permite aos centros da contorna visitar e intercambiar aprendizaxes con outros centros de España e do estranxeiro.
Así mesmo, desenvolve un total de 189 proxectos de formación en centros e conta con máis de 70 grupos de traballo onde os profesores comparten experiencias e coñecemento co obxecto de mellorar o proceso de ensino-aprendizaxe nas aulas. Outra das vertentes do seu traballo é o apoio ás Escolas de nais e pais mediante máis de 100 sesións de formación para as familias.
Seis liñas e 11M€ de investimento
Todas estas actividades desenvolvidas polo CFR de Vigo enmárcanse no Plan anual de formación do profesorado deseñado pola Consellería de Educación co obxectivo é facilitar o traballo dos docentes, ofrecéndolles formación gratuíta que lles permita facer fronte aos novos retos do ensino do século XXI.
Para este curso o plan ofrece un total de 6.172 actividades, con especial atención á formación nos propios centros, máis personalizada, que é das máis demandadas polo profesorado, segundo puido constatar o representante da Consellería. Cómpre lembrar que a Xunta inviste máis de 11M€ en formar ao profesorado a través de seis liñas: dixital, didáctica, innovación, convivencia e inclusión e comunicación e plurilingüismo.