A Xunta convoca este luns bolsas para que máis de 800 estudantes de Bacharelato e universitarios aprendan idiomas este verán no estranxeiro

No marco do novo programa Galemundo o DOG publicará mañá dúas convocatorias con máis de 2,2M€ de investimento que se poderán solicitar ata o 3 de marzo

A Consellería de Educación subvenciona ata o 92% da estadía dos alumnos de Bacharelato en Canadá, Reino Unido, Francia, Portugal e Alemaña

Para os universitarios haberá bolsas de ata 1.500€ para realizar un curso idiomático en calquera país do estranxeiro

Dom, 02/02/2025 - 14:42
linguas

A Xunta facilitará que máis de 800 alumnos de Bacharelato e universitarios aprendan este verán idiomas no estranxeiro. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP publicará mañá no Diario Oficial de Galicia dúas convocatorias, ás que destina máis de 2,2M€, e que se enmarcan no novo Programa Galemundo, co que a Xunta impulsa a internacionalización no ensino. O prazo para solicitar as axudas, en ambos os casos, permanecerá aberto ata o 3 de marzo.

Máis de 7.000 persoas, entre estudantes e docentes, participarán ao longo deste curso en mobilidades noutros países grazas a esta iniciativa, dotada con máis de 15M€ e que aglutina todas as bolsas do departamento educativo da Xunta, para facilitar que alumnos e profesores viaxen a outros países e melloren as súas competencias en linguas estranxeiras.

Estadías en residencias ou con familias

No caso do alumnado de Bacharelato, convócanse 647 prazas para que realicen estadías de tres semanas en réxime residencial ou familiar en Reino Unido, Francia, Portugal, Canadá e Alemaña no período estival, entre xullo e agosto. A relación de prazas é a reflectida na seguinte táboa:

Curso Modalidade Prazas
2º Bacharelato Inglés en Canadá 88
Inglés no Reino Unido 125
Francés en Francia 20
Portugués en Portugal 2
Alemán en Alemaña 5
1º Bacharelato Inglés en Canadá 140
Inglés no Reino Unido 220
Francés en Francia 40
Portugués en Portugal 2
Alemán en Alemaña 5
  Total 647

 

O Goberno galego destina preto de 2M€ a esta actividade, de tal xeito que se subvenciona entre o 92% e o 69% do custo das estancias dos estudantes en Canadá, Reino Unido, Francia, Portugal e Alemaña. Con cargo a esta partida, a Xunta sufraga parte dos gastos de contratación dos monitores que acompañan a cada grupo, mantemento e aloxamento, traslados para actividades, docencia e material escolar, actividades culturais, deportivas e complementarias dos cursos, seguros de accidentes e certificado de realización do curso.

Para obter as bolsas, os candidatos terán que estar cursando, no réxime xeral, 1º ou 2º de Bacharelato, en centros de Galicia sostidos con fondos públicos, durante o curso 2024-2025; ter acadado unha nota mínima na área ou materia de lingua estranxeira que se vai perfeccionar na estadía de 6 no curso 2023/24, así como ter superadas todas as materias nese mesmo ano académico.

Os criterios para o baremo, puntuación e determinación das achegas familiares serán a nota media do expediente académico no curso 2023/24 (ata dez puntos) e a renda per cápita da unidade familiar (ata 20 puntos). Ademais, terase en conta o feito de pertencer a unha familia numerosa (dous puntos), contar cun membro cunha discapacidade igual ou superior ao 33% ou pensionista de grande invalidez (dous puntos), ou non ter sido beneficiario dunha axuda destas características na convocatoria do ano pasado (26 puntos). As axudas poderán solicitarse a través da aplicación correspondente.

Alumnado universitario

No que atinxe ao alumnado universitario, haberá ata 168 bolsas para que o alumnado das universidades públicas galegas realicen estadías noutros países durante o verán de 2025, unha convocatoria que conta cun orzamento de 228.000€. As axudas serán de 1.200€ para estadías realizadas en países de Europa e de 1.500€ para estadías no resto do mundo. O obxectivo é que os estudantes melloren as súas competencias en linguas estranxeiras e, como consecuencia, a súa cualificación.

Os solicitantes deberán acreditar que van realizar un curso de idiomas presencialmente no período comprendido entre o 1 de xuño e o 31 de agosto cun mínimo de 45 horas lectivas. O idioma que se desexe cursar deberá corresponderse co oficial do país elixido e ser diferente do español. Ademais, deben estar matriculadas no curso 2024/25 en, como mínimo, 50 créditos (excluídos os recoñecidos, convalidados ou adaptados) de estudos de grao nas universidades públicas galegas. Ademais, deben ter superado 60 créditos a data do 30 de setembro de 2024, excluídos tamén, os recoñecidos, convalidados ou adaptados.

Neste caso as solicitudes deberán facerse obrigatoriamente por medios telemáticos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.