Centros de Boimorto, Monforte de Lemos e Meaño representarán a Galicia na fase nacional da VI Ciberliga

A directora xeral de Innovación Educativa da Xunta participa na entrega de premios deste certame a nivel autonómico, grazas ao que máis de 1.500 alumnos de 4º de ESO de 51 centros se forman este curso en ciberseguridade e uso responsable das tecnoloxías

Ven, 31/01/2025 - 13:46
ciberliga

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Xunta, Judith Fernández, participou esta mañá na entrega de diplomas da VI Ciberliga 2024/25. Os tres centros seleccionados como mellores representarán a Galicia na fase nacional deste certame, que se celebrará en Aranjuez o vindeiro mes de marzo. Son os colexios CPI Armando Cotarelo Valledor (Boimorto) e CPR Plurilingüe Real Colegio Padres Escolapios (Monforte de Lemos) e o Instituto IES de Meaño.

A maiores, outros oito centros foron seleccionados polo seu traballo e realizarán unha visita aos barcos da Garda Civil ao longo do curso. Trátase dos institutos IES Isaac Díaz Pardo (Sada), Alfredo Brañas (Carballo), Perdouro (Burela), Plurilingüe San Rosendo (Mondoñedo) e Universidade Laboral (Ourense), así como dos colexios CPR Plurilingüe Miraflores (O Pereiro de Aguiar), CPR Plurilingüe María Inmaculada (Vigo) e CPR Plurilingüe San Narciso (Marín).

Este curso fórmanse ao abeiro deste programa máis de 1.500 alumnos de 4º de ESO de 51 centros educativos. Os participantes reciben formación sobre o uso seguro das tecnoloxías, a través dunha sesión en streaming que combina explicacións teóricas e prácticas. Toman parte, ademais, nunha competición na que deben resolver un ciber-reto, que inclúe unha exposición explicativa e unha práctica final para aplicar os coñecementos adquiridos.

Benestar dixital do alumnado

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou que este certame da Garda Civil “entronca coa aposta da Xunta de Galicia polo benestar dixital do alumnado impulsada a través de iniciativas propias como o programa Pegada Dixital, ou en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia, como Navega con rumbo”. Os obxectivos van tamén en liña cos da Estratexia galega de convivencia escolar 2025, que promove unha interacción adecuada e responsable en contornas dixitais.