O Centro de Formación e Recursos de Pontevedra desenvolve máis de 250 actividades para o profesorado da área

O director xeral de Centros e Recursos Humanos supervisa coa dirección do CFR as accións levadas a cabo ao abeiro do Plan anual de formación para docentes deste curso

Mar, 28/01/2025 - 13:57
p

O director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Jesús Álvarez, mantivo esta mañá unha xuntanza de traballo no Centro de Formación e Recursos de Pontevedra para avaliar o desenvolvemento do Plan de formación permanente do profesorado na área norte da provincia.

Na xuntanza púxose de manifesto o alto grao de compromiso dos docentes coa súa actualización académica e competencial a través das máis de 250 actividades que está a desenvolver este CFR. Non en balde, o centro xestiona un total de 167 proxectos de Formación Permanente do Profesorado e máis de 90 actividades de formación individual, xunto con outras accións formativas das Escolas de nais e Pais, e a través de 60 grupos de traballo e seminarios intercentros. 

Na reunión, na que participou o conxunto do equipo directivo do Centro de Formación e Recursos de Pontevedra coa súa directora, Carmen Martínez, destacouse a relevancia dos proxectos de formación de centros, unha modalidade que permite adaptar a formación ás necesidades específicas de cada comunidade educativa, así como o papel que desempeñan os Polos Creativos, a través dos cales se fomenta o traballo colaborativo e innovador en diferentes áreas temáticas. Outros programas que teñen moi boa acolida son o Observa_Acción e o Erasmus+, nos que o CFR de Pontevedra conta cunha ampla experiencia.

Seis liñas e 11M€ de investimento

Todas estas actividades enmárcanse no Plan anual de formación do profesorado deseñado pola Consellería de Educación co obxectivo é facilitar o traballo dos docentes, ofrecéndolles formación gratuíta que lles permita facer fronte aos novos retos do ensino do século XXI.

Para este curso o plan ofrece un total de 6.172 actividades, con especial atención á formación nos propios centros, máis personalizada, que é das máis demandadas polo profesorado, segundo puido constatar o representante da Consellería. Cómpre lembrar que a Xunta inviste máis de 11M€ en formar ao profesorado a través de seis liñas: dixital, didáctica, innovación, convivencia e inclusión e comunicación e plurilingüísimo.