A Xunta reivindica o Plan FPGal360 como “un novo impulso” á Formación Profesional e contra o abandono escolar

A directora xeral de FP visita a Feira de captación de talento organizada polo Centro Integrado de FP CIFP Ferrolterra na que participan unha vintena de empresas

Lun, 27/01/2025 - 17:21
f

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, pon en valor o Plan FPGal360 da Xunta de Galicia como “un novo impulso” do Goberno galego ás ensinanzas de Formación Profesional en Galicia para que actúen de elemento tractor da igualdade de oportunidades e da inserción laboral e exerzan de freo ao abandono temperá do alumnado que deixa de estudar unha vez rematada a etapa de ensino obrigatorio.

Así o sinalou esta mañá na visita á Feira de captación de talento organizada polo Centro Integrado de FP CIFP Ferrolterra, onde explicou as distintas iniciativas da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP que se van desenvolver ao abeiro do mencionado plan, que aglutina máis de 60 accións específicas en tres eixos.

A representante da Consellería de Educación fixo fincapé no obxectivo do FPGal360 en orientar e acompañar á cidadanía na súa toma de decisións educativas e profesionais ao longo da vida. Así mesmo, aproveitou para reivindicar o papel “clave” que exercen os centros educativos e o tecido empresarial no impulso da FP a través de iniciativas como estas xornadas nas que participan case unha vintena de firmas da comarca e que ten como finalidade poñer en contacto alumnos e empresas.

Implicación das empresas

Así mesmo, a directora xeral de FP agradeceu a implicación das empresas na formación do alumnado, que se materializa en numerosos proxectos de FP Dual Intensiva, clave para o crecemento económico da comarca de Ferrolterra. Precisamente, este centro, cunha ampla oferta de ciclos formativos de carácter industrial, é un referente  nas ensinanzas duais, contribuíndo á formación de profesionais altamente demandados polas empresas, e demostrando ser a modalidade con maior porcentaxe de inserción laboral.