Román Rodríguez felicita ao Instituto de Valga polos seus 25 anos de servizo público dotando á mocidade das habilidades necesarias para forxar o seu futuro

O conselleiro de Educación e o director xeral de Centros participan nos actos conmemorativos desta efeméride

Inaugúrase a nova iluminación da fachada do centro, realizada por un grupo de alumnos de FP xunta aos seus profesores

Ven, 24/01/2025 - 16:00
v

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe o Instituto IES Plurilingüe de Valga co gallo do seu 25 aniversario. Neste marco, o representante da Xunta asistiu á inauguración da iluminación da nova fachada do centro, un traballo realizado por varios dos seus alumnos de FP xunto aos seus profesores.

O titular de Educación do Goberno galego felicitou o centro por este cuarto de século de servizo público dotando á mocidade de Valga das habilidades humanas e dos coñecementos para forxar o seu futuro. Román Rodríguez destacou tamén a implicación do instituto na vida do concello e salientou a disposición da comunidade educativa á colaboración cos diferentes axentes sociais, culturais e empresariais da contorna, sempre en prol da mellor formación para os seus alumnos.

Os actos conmemorativos comezaron pola mañá con actuacións do alumnado e a plantación dunha árbore e contaron tamén coa participación do director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez. 

O Instituto IES Plurilingüe de Valga conta con máis de 400 alumnos de ESO, Bacharelato e FP e oferta ciclos de Agroxardinaría e composicións florais, Soldadura e caldeiraría, Mantemento electromecánico ou Mecatrónica Industrial, entre outros. Desde o ano 2015 participa en proxectos de FP Dual intensiva, modalidade na que este curso conta con 46 alumnos, máis do dobre ca no ano académico anterior.