Román Rodríguez compromete o apoio á calidade das universidades públicas con iniciativas como o primeiro selo de excelencia para graos
Hoxe reciben esta distinción os graos en Enxeñaría Informática e en Fisioterapia da Universidade da Coruña, que obterán un financiamento extra da Xunta de 360.000€
Tamén é distinguido o grao en Veterinaria da USC, cuxo acto de entrega se realizará proximamente
Esta mención, que xa teñen tamén 12 másteres, súmase a outras accións impulsadas desde a Xunta para fomentar un sistema universitario galego innovador e adaptado ás demandas da sociedade
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou hoxe o compromiso da Xunta de Galicia co impulso da calidade académica nas universidades públicas galegas. Neste sentido, subliñou iniciativas como a creación, por primeira vez este curso, do selo de excelencia para os estudos de grao, que ata o momento se outorgaba exclusivamente aos másteres. "Este selo de excelencia certifica o alto nivel académico destes graos e resalta o seu potencial transformador", afirmou o responsable de Universidades.
Así o salientou esta mañá durante o acto de entrega das primeiras distincións de garantía de alto nivel académico para os graos da Universidade da Coruña. Concretamente, recibiron esta distinción os graos en Enxeñaría Informática e en Fisioterapia (da Universidade da Coruña). Estes, xunto co grao en Veterinaria (da Universidade de Santiago de Compostela no Campus de Lugo), que recibirá o distintivo nun acto que se celebrará nas vindeiras semanas, son os primeiros graos en obter o selo de excelencia que outorga a Xunta de Galicia para estes estudos no Sistema Universitario Galego (SUG).
No acto, tamén estiveron presentes o reitor da UDC, Ricardo Cao, e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez. O representante do Goberno autonómico subliñou que a Xunta traballa “en conxunto coas universidades para blindar e reforzar os éxitos da nosa oferta e asentar o camiño de vangarda e excelencia”.
Enmarcada nas diferentes medidas impulsadas desde o Goberno galego para fomentar a excelencia e a adaptación da oferta formativa ás demandas do conxunto da sociedade, esta nova distinción contribúe a sensibilizar á comunidade universitaria sobre a relevancia da innovación para adaptarse ás transformacións de procesos, métodos, ferramentas, materiais e contidos que esixe a sociedade do coñecemento. Ao mesmo tempo, procúrase aliñar o deseño das titulacións de grao coas novas tendencias internacionais, contribuíndo a elevar os seus estándares de calidade e darlles visibilidade.
Vixencia de seis anos e requisitos
O selo de grao de excelencia ten unha vixencia de seis cursos académicos, con seguimentos anuais e posibilidade de renovación, con financiamento específico no marco do Plan Galego de Financiamento Universitario 2022-26 a través dos convenios de I+D+i. En concreto, 60.000 euros cada ano, 360.000 euros en total durante todo o período.
Entre os requisitos para optar a el, as titulacións deben levar impartíndose de xeito ininterrompido, como mínimo, desde o curso 2018/19 e continuar na actualidade, e cada universidade podía presentar tres solicitudes como máximo. Ademais, entre os criterios de avaliación figuran cuestións como a estratexia e resultados, currículo, deseño do proceso de ensino–aprendizaxe, profesorado, avaliación, inserción laboral, internacionalización e exposición da proposta.
Nestes bloques valóranse cuestións como as taxas de ocupación, gradación, cambio e abandono; a contribución do plan de estudos ao desenvolvemento rexional e a súa relación co entorno e tecido empresarial; a metodoloxía docente e acompañamento personalizado ao alumnado, ou a excelencia do profesorado e a súa participación en formación e iniciativas innovadoras.
Así mesmo, tamén se teñen en conta as estratexias para avaliar a calidade da titulación (avaliación continua, diarios de aprendizaxe), a inserción laboral do grao e, no eido da internacionalización, ítems como a colaboración con universidades estranxeiras, os créditos ofertados en linguas estranxeiras, a mobilidade do estudantado ou a acreditación do nivel de idiomas do persoal docente investigador.
Máster de excelencia
Este recoñecemento súmase ao de máster de excelencia, un selo implantado hai catro anos. En total, son 12 as titulacións que contan xa con esta mención que reflicte a súa calidade e nivel de solvencia científica, técnica e formativa.