A Xunta e a Organización de Estados Iberoamericanos (OEI) fan balance da colaboración impulsada en 2024 a prol da innovación educativa
Román Rodríguez e Mariano Jabonero reuníronse para avaliar as accións desenvolvidas en materia de transformación dixital do ensino e intelixencia artificial, avaliación educativa, gobernanza e liderado
Ambas as partes emprázanse a seguir colaborando no impulso de accións arredor do poder transformador e para o avance social da educación
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reuniuse hoxe co secretario xeral da Organización de Estados Iberoamericanos para a Educación, a Ciencia e a Cultura (OEI), Mariano Jabonero, para facer balance das accións desenvolvidas en colaboración en materia de innovación educativa durante 2024. Ao abeiro do convenio asinado o pasado ano entre ambas entidades, con estas accións afondouse en asuntos tan relevantes na actualidade como a transformación dixital e a intelixencia artificial no ensino, a avaliación educativa ou a gobernanza e o liderado na organización escolar.
Román Rodríguez e Mariano Jabonero emprazáronse a novos encontros para seguir intensificando a colaboración arredor do poder transformador da educación, como ferramenta para o avance social. “A Xunta ten na Organización de Estados Iberoamericanos un aliado para impulsar accións que incrementen máis a calidade e a equidade do noso sistema educativo”, afirmou o conselleiro.
O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia quixo tamén felicitar ao responsable da OEI pola obtención do Premio Princesa de Asturias coincidindo co 75 aniversario da organización, creada en 1949 co obxectivo de fomentar a cooperación multilateral no espazo iberoamericano.
Novas tecnoloxías, PISA e gobernanza
A primeira das accións realizadas ao abeiro do convenio asinado entre a Consellería de Educación e a Organización de Estados Iberoamericanos para a Educación, a Ciencia e a Cultura foi o seminario Transformación dixital e intelixencia artificial na educación. Dirixido principalmente a profesores de Secundaria de todas as especialidades, nel abordáronse os desafíos educativos aos que se enfrontan docentes e alumnado na actualidade coas novas tecnoloxías da información e a comunicación en máximo desenvolvemento.
No foro de alto nivel A avaliación educativa de hoxe: perspectivas a medio e longo prazo, directores de centros de ensino, inspectores e docentes fixeron unha análise exhaustiva do informe PISA, da súa metodoloxía e procedementos, e de como esta ferramenta de avaliación pode empregarse para mellorar o sistema. O encontro contou coa presenza de relatores de prestixio que coñecen en profundidade o informe.
No caso do seminario Galicia-Portugal Gobernanza e liderado: elementos clave para a mellora da organización escolar, tivo como obxectivo promover un modelo de liderado escolar pedagóxico e inclusivo entre todos os integrantes da comunidade educativa, unha das cuestións consideradas fundamentais para a mellora da calidade da educación en Iberoamérica. Dirixido a directores de centros educativos de Galicia e Portugal, técnicos da Consellería de Educación e do Ministerio portugués, o evento celebrouse en outubro entre Tui e Valença do Minho.
Ademais, representantes da Consellería e da OEI reuníronse o pasado mes de decembro en París co director de Educación da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) e máximo responsable do informe PISA, Andreas Schleicher, para presentarlle a estratexia da Xunta para despregar a intelixencia artificial no ensino galego.