A Xunta explora no CIFP Ferrolterra novas colaboracións no ámbito da innovación aplicada á Formación Profesional
A directora xeral de FP e a directora da Axencia Galega de Innovación visitaron este centro referente no eido industrial no que estudan máis dun milleiro de alumnos
A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, visitaron esta mañá o Centro Integrado de FP CIFP Ferrolterra para, xunto co equipo directivo do centro, avaliar novas vías de colaboración no ámbito da innovación aplicada á Formación Profesional aproveitando as potencialidades e as sinerxías que ofrece este centro en ámbitos punteiros no eido industrial.
Este centro, no que estudan máis dun milleiro de alumnos, é un referente nas ensinanzas profesionais das familias de Fabricación mecánica, Instalación e mantemento, Enerxía e Auga e Electricidade e electrónica, entre outras, con proxectos de colaboración coas empresas da súa contorna. Ademais forma parte dos 28 centros que conforman a Rede de Centros integrados de FP, que son o eixe da excelencia da formación profesional en Galicia.
Dada a súa ampla experiencia en proxectos innovadores, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP avoga polo máximo aproveitamento do seu potencial neste eido. Para iso, tamén está a realizar unha forte aposta de mellora das súas instalacións e nesta liña o departamento educativo da Xunta ten comprometido unha obra de ampliación do centro por un importe de 2,5M€ ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica de Galicia.
Cinco retos en InnovaTech FP
Cómpre lembrar que o CIFP Ferrolterra está a participar na II edición do programa InnovaTech FP con cinco retos tecnolóxicos para os cales os alumnos, co apoio de empresas punteiras, teñen que buscar solucións innovadoras que teñan un impacto positivo no desenvolvemento e no crecemento sustentable da sociedade.
En concreto, este centro, xunto con outros, nos retos de mellora da inspección e control na construción modular de buques lanzado por Navantia, na mellora do proceso de pelado de castañas para a elaboración de marrón glacé lanzado polo Grupo Cuevas, no de sistema remoto para a inspección e reparación de soldaduras en tubaxes de difícil acceso da empresa Offshore Windwaves, no sistema automático para a detección e control de fugas de auga en tempo real de EMAFESA e o reto dunha solución dixital para a automatización das medidas zootécnicas do gando lanzada pola empresa BOAGA.