A Xunta publica o mapa de axudas á I+D+i de 2025 que inclúe 33 liñas dotadas con máis de 180M€
Este instrumento, que servirá como guía para os diferentes profesionais dedicados á investigación, é un dos traballos realizados pola Comisión Interdepartamental
Na reunión, preséntanse as principais novidades e o calendario de aprobación do Plan galego de investigación e innovación 2025-27
O obxectivo é consolidar o crecemento de Galicia, a Comunidade onde máis medrou o investimento en I+D+i no último ano
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, presidiu hoxe a Comisión Interdepartamental de I+D+i da Xunta de Galicia, o órgano encargado da planificación e coordinación dos obxectivos, actuacións, instrumentos e fondos da comunidade autónoma en materia de I+D+i. Coincidindo con esta cita, faise público o Mapa de apoios da Xunta de Galicia á I+D+i programados para 2025, que inclúe 33 instrumentos de 6 consellerías dotados con máis de 181 millóns de euros.
Este documento, elaborado no marco do grupo técnico desta Comisión, recolle todas as liñas da Administración autonómica dirixidos a financiar a I+D+i. O seu obxectivo é servir como unha guía para os axentes deste ámbito, incluíndo información de interese sobre as distintas ferramentas de apoio á investigación do Goberno galego que lles permita ter unha visión integral e planificar a súa actividade.
Román Rodríguez, acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, presentoulle aos representantes dos 13 departamentos que compoñen a Xunta de Galicia as principais novidades do Plan galego de investigación e innovación 25-27, que será aprobado polo Consello da Xunta durante o vindeiro mes de febreiro. Destacou a importancia da “I+D+i en Galicia, que é unha aposta estratéxica deste Goberno”. “De feito, vimos de coñecer que Galicia é a Comunidade que máis medra no conxunto de España en investimento en I+D”, afirmou.
Durante a reunión, a primeira que se celebra con todos os departamentos da Xunta representados nesta Comisión tras a súa ampliación no número de membros, tamén se fixo balance do traballo realizado polo grupo técnico dependente desta Comisión, que mantivo 25 reunións de traballo e que abordou temas como a modificación da Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia ou o modelo coordinado de contratación e estabilización do persoal investigador.
Actualización da Lei de ciencia
Aprobouse tamén o plan de traballo deste grupo técnico e as prioridades para 2025, entre as que se atopan a actualización da Lei da ciencia e da innovación de Galicia, o despregamento do decreto de persoal investigador, deseñar un modelo de transferencia dos resultados da I+D+i dos organismos de investigación dependentes da Xunta de Galicia ou o impulso á innovación local.
En canto ás accións levadas a cabo para o desenvolvemento do decreto que regula a organización, a promoción e a carreira profesional do persoal de investigación de carácter laboral nos organismos de investigación da Xunta de Galicia, informouse sobre a constitución dun grupo de traballo específico que está a traballar na identificación de postos e organismos, así como na selección de persoal.