Xunta e Coca-Cola lanzan un reto a oito centros de FP para reducir o consumo de auga na pasteurización de refrescos

Participan 36 alumnos e nove profesores, que buscarán alternativas para o proceso de arrefriamento co apoio do Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros

Da provincia da Coruña están implicados os CIFP Ánxel Casal-Monte Alto, Paseo das Pontes e Fraga do Eume (Pontedeume) e os IES A Sardiñeira e da Pobra do Caramiñal

Tamén compiten os centros integrados de FP As Mercedes (Lugo) e Carlos Oroza (Pontevedra) e o Instituto IES O Ribeiro (Ribadavia)

A representante de Educación destaca o certame como unha oportunidade única para achegar o alumnado ás necesidades reais de innovación do tecido produtivo

Mér, 15/01/2025 - 17:20
Eugenia posando con operarios da fábrica

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, participou hoxe na presentación do reto proposto pola empresa Coca-Cola para o programa InnovaTech FP sobre a Redución do consumo de auga no proceso de pasteurización de refrescos. Nunha visita as instalacións da firma na Coruña co alumnado e profesorado participante, a representante da Xunta de Galicia puxo en valor esta iniciativa “como unha oportunidade única para achegar o alumnado dos ciclos formativos ás necesidades reais de innovación que xera o tecido produtivo nun mercado global cada vez máis cambiante.

 

O reto proposto por Coca-Cola consiste en analizar e avaliar diferentes opcións de arrefriamento na pasteurización dos refrescos que poidan substituír o uso de auga fresca. O obxectivo é buscar alternativas que sexan viables tanto a nivel técnico como económico e que permitan alcanzar o obxectivo de consumo cero de auga sen comprometer os estándares de calidade nin a eficiencia enerxética do proceso.

 

Participan na resolución deste reto un total de 36 alumnos e nove profesores de oito centros: os centros integrados de FP CIFP Ánxel Casal-Monte Alto (A Coruña), Paseo das Pontes (A Coruña), Fraga do Eume (Pontedeume), As Mercedes (Lugo) e Carlos Oroza (Pontevedra) e dos institutos IES A Sardiñeira (A Coruña), da Pobra do Caramiñal e O Ribeiro (Ribadavia).

 

Impulso da innovación e o emprendemento

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP lembrou que os centros que imparten FP levan anos impulsando este tipo de proxectos en colaboración coas empresas ao abeiro das convocatorias de premios anuais do departamento educativo da Xunta. “InnovaTech FP é un paso máis nesta estratexia de impulso da innovación e o emprendemento na FP, que se apoia no asesoramento do Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros”, destacou.

 

A directora xeral quixo tamén agradecer a Coca-Cola e ás outras 19 empresas participantes en InnovaTech FP o seu compromiso coa educación e a confianza depositada na FP.

 

O dobre de empresas

Nesta segunda edición do certame InnovaTech FP duplícase o número de empresas participantes tras o éxito da primeira edición. Un total de 20 firmas punteiras propoñen retos tecnolóxicos ao alumnado de FP para que busquen solucións innovadoras que teñan un impacto positivo no desenvolvemento do medio rural, así como no crecemento sustentable da sociedade. Deste xeito, búscase conectar aos estudantes co sector empresarial mediante a innovación tecnolóxica e a transferencia de coñecemento.

 

Este curso participan no programa 972 alumnos de 73 centros, o que supón un incremento de máis do 50%. Están acompañados nesta actividade por 229 docentes.

 

O Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros presta apoio e orientación aos grupos de traballo no desenvolvemento dos seus proxectos. Ademais, os gañadores contarán coa área de emprendemento industrial deste centro para a súa transformación nunha realidade comercial viable.