Román Rodríguez destaca un investimento de 20M€ en obras nos centros educativos do Salnés ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica
Máis de medio cento de actuacións están rematadas ou en marcha, cun investimento de máis de 15M€ e xa hai outras cinco comprometidas por case outros 5M€
Inclúen ampliacións como a que se están a executar no Fontecarmoa e no Instituto IES Aquis Celenis (Caldas de Reis) e rehabilitacións integrais
Tamén obras de pequena e mediana envergadura e instalacións fotovoltaicas
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe o Centro Integrado de FP Fontecarmoa, en Vilagarcía, onde supervisou o avance das obras de ampliación que a Xunta está a acometer neste centro por máis de 3,7M€. Unha actuación que, tal e como destacou, “se enmarca no investimento de 20M€ que o Goberno galego está a facer en obras nos centros educativos do Salnés ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica, que conta cun orzamento de preto de 500M€ ata 2028”.
Neste sentido, explicou que xa están rematadas ou en marcha máis de medio cento de actuacións, cun investimento de máis de 15M€. Entre elas destacou a ampliación do CIFP Fontecarmoa e a do Instituto IES Plurilingüe Aquis Celenis (Caldas de Reis, 5,4M€), así como rehabilitacións integrais como a xa rematada no Colexio CEIP de Portonovo (Sanxenxo, 800.000€). A elas súmanse as obras de pequena e mediana envergadura, como arranxos de patios, aseos e outras dependencias que se realizan cada verán e instalacións fotovoltaicas.
Román Rodríguez detallou que nestes momentos “están en execución as dúas devanditas ampliacións e en licitación outras seis actuacións na zona, por importe de case 2,2M€, para mellorar as instalacións educativas de Meaño, Sanxenxo, Vilagarcía e Vilanova de Arousa”.
Actuacións en licitación
Deste xeito, está aberto o prazo para que as empresas presenten as súas ofertas para as obras de ampliación do Colexio CEIP Arealonga (713.000€), do patio multifuncional do CEIP de Sestelo-Baión (673.000€), de instalación de ascensor no CEIP Plurilingüe de Portonovo (248.000€), de cambio de cuberta, falsos teitos e luminarias no CEIP de Coirón-Dena (214.000€), de reforma interior e cambio de fiestras no CEIP Plurilingüe de San Roque (170.000€) e de instalación dun ascensor no Instituto IES O Carril (170.000€).
“Ademais –lembrou o conselleiro–, temos outras cinco obras comprometidas para esta segunda fase do Plan de nova arquitectura pedagóxica, cun orzamento estimado de case outros 5M€”. Delas, xa contan con proxecto a ampliación do Colexio CEIP San Tomé (Cambados, 850.000€), a do Colexio CEIP Rosalía de Castro (2,6M€) e a rehabilitación integral do Colexio CEIP Conmeniño (450.000€), os dous últimos no Grove.
Tamén están previstas a rehabilitación parcial do Colexio CEIP Julia Becerra Malvar (Ribadumia, 300.000€) e a reforma do CEIP Plurilingüe San Clemente de César (Caldas de Reis, 425.000€).
Novos talleres e reorganización de espazos
A ampliación do Centro Integrado de FP Fontecarmoa está nos seus pasos iniciais, cos traballos de demolición, cimentación e novos forxados en marcha. O prazo de execución das obras é de nove meses.
A obra suporá crear unha nova superficie total de 2.210,29 m² construídos, a maioría deles no edificio de talleres, mentres que o principal medrará en 335 m². Como resultado, o centro contará con novos espazos para talleres, ao tempo que se solucionan problemas puntuais nos xa existentes.
Ao mesmo tempo crearase un soto técnico no edificio de talleres que aglutinará as instalacións do centro e colocarase un novo sistema de xeración de calor mediante biomasa para todo o complexo educativo.
Ademais, reorganizaranse os espazos do edificio principal, crearase unha nova sala de reunións e un local para viveiro de empresas na planta baixa do edificio principal. De forma parella, aproveitarase para mellorar a accesibilidade no conxunto do centro, incorporando nos dous edificios ascensor e aseo adaptado.