O Politécnico súmase aos proxectos de mellora de centros educativos que a Xunta leva a cabo en Santiago
A obra abrangue a substitución da cuberta e a instalación de ventás nas catro fachadas do edificio de talleres cun investimento de máis de 350.000€
Enmárcase na segunda fase do Plan de nova arquitectura pedagóxica, que eleva a preto de 500M€ o investimento da Xunta en obras ao abeiro desta folla de ruta
Ao abeiro deste plan, na cidade compostelá tamén se actuará nos institutos A Pontepedriña, Rosalía de Castro e Xelmírez II e no museo Pedagóxico de Galicia
Todas as actuacións en marcha suman un investimento de preto de 7M€ por parte da Consellería de Educación
O Centro Integrado de FP Politécnico de Santiago súmase aos proxectos de mellora de infraestruturas educativas que a Xunta acomete en Compostela. O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe este centro para presentar a obra de mellora da cuberta e das ventás, cun investimento de 353.000€.
A actuación, que está en licitación, abrangue a substitución da cuberta e da parte superior das fachadas por un panel sándwich de espesor 30 mm na nave principal que alberga boa parte dos talleres de madeira. Así mesmo, co fin de introducir luz no interior deste edificio, instalaranse carpinterías de aluminio nas catro fachadas, que serán practicables e monitorizadas para xerar ventilación cruzada no interior. Tamén se reforzará a estrutura da cuberta e renovaranse os canos e baixantes, entre outras intervencións relacionadas.
Román Rodríguez, que estivo acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, salientou a importancia desta obra para mellorar o confort nun centro “que acolle a uns 1.300 estudantes e que é un dos referentes das ensinanzas de FP nesta cidade”, para o cal a previsión é executala coincidindo co período estival e, deste xeito, non interferir na actividade lectiva.
O titular de Educación lembrou que esta intervención desenvólvese ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica de Galicia, “a folla de ruta coa que desde o Goberno galego consolidamos un investimento sen precedentes nun dos parque inmobiliarios máis grandes da Xunta como son os 1.600 edificios educativos que temos”. Non en balde, o plan acadará 500M€ no despregamento da súa segunda fase no período 2025-28.
Un paquete de intervencións en Compostela
A intervención no CIFP Politécnico engádese a un conxunto de actuacións previstas polo Goberno galego na cidade compostelá e que, segundo explicou o conselleiro, se atopan en distintas fases e que acadan un investimento total de case 7M€ por parte da Consellería de Educación. Román Rodríguez referiuse, en concreto, ás obras que se van a levar a cabo no Instituto IES Pontepedriña por un importe de 317.00€ e a reforma do Museo Pedagóxico de Galicia por 504.000€, ambas xa licitadas tamén.
Así mesmo, ao abeiro da segunda fase do Plan de nova arquitectura pedagóxica, a Consellería ten en carteira para este ano a rehabilitación integral do IES Arcebispo Xelmírez II (2 M€) e a renovación das cuberta e dotación dun ascensor do IES Plurilingüe Rosalía de Castro (500.000€). Por outra parte, xa foi adxudicada a ampliación do Instituto IES Eduardo Pondal, cun orzamento de 3M€, e a previsión e comezar a obra en breve, unha vez se obteñan os permisos municipais de uso da parcela de acceso.